Nada é tan democrático como un medio de comunicación alternativo

CONDE GAUTE

Nada. Nada en absoluto é tan democrático coma un medio de comunicación alternativo. Ningún lugar do planeta no que eu estivera medrou con saúde sen eles. Pois trátase dunha búsqueda, unha necesidade do pobo de atopar e entregar respostas aos seus pares que os medios masivos, as institucións e, por suposto, o sistema, lles estan negando. Porque aquí está a cuestión: ¿medios alternativos a que? Ao que está establecido, ao que xera dogma, ao que non se cuestiona.

Eu estou máis vencellada coa escena independente ou underground, como polo xeral lle chaman en Buenos Aires, onde vivín. A idea é crear espazos onde artistas e novos creadores poidan presentarse ante un público sen sentirse xulgados e sen medo ao fallo. Porque hai poetas, músicos e actores fóra das portas dos teatros. Porque todos precisamos dun comezo e dun lugar onde arrancar, onde arriscar, onde poñer a voz por vez primeira. Porque de xeito natural tendemos a buscar os recunchos fóra da administración onde poder expresarnos. Recunchos ceibes, coas súas propias leis, coordinados por cidadás e cidadáns de a pé que tenden a man e a oportunidade a veciñas con estas inquedanzas.

Noutros eidos, como o da información, pasa exactamente o mesmo. Son necesarias voces novas, que estean lonxe dos mass media para que por un momento esteamos máis preto do que pasou en realidade. É tan insalvable ás veces a diferenza entre o acontecido e o contado na prensa que vai co sistema…

Esta organización do pobo dáse de xeito natural. Así coma a vexetación sempre se vai abrir paso cara á luz, por máis que teña que dar voltas sobre do tallo para virar, a xente tenderá a buscar respostas, informacións fiables, espazos nos que se expresar, lugares aos que acudir. O certo é que canto máis opresor é un sistema, moito máis precisamos dos medios alternativos.

A poboación en Arxentina aprendeu a vivir a través dos medios alternativos. Acudín a tantos micros abertos como tiña a Capital Federal, fun testemuña de toda a súa escena under, entendín axiña as normas e que a autoxestión era a independencia. Igual acontecía coas subvencións do goberno: non eran a base de ningún proxecto. Se querían sacar algo adiante, faríano por eles mesmos e para eles. E sempre funcionaba. É unha das sociedades que máis agasallos de inxenio me ten feito. Impresionoume constantemente. Coa información, hai moito que aprenderon a ser os seus propios vasos comunicantes. Se querían a verdade, tiñan claro que só eles a podían buscar.

Xa de volta, só quedaba en min a semente dese espírito crítico que cuestiona ata o límite o establecido. Por iso non puiden pasar por menos que crear o meu propio micro aberto con Tato López, que tiña esa inquedanza tamén dende había tempo: Serpes na Cachola. Un encontro quincenal de creadores no Medusa de Compostela. Irmán de Poesía e Microrrelato, que de xeito quincenal coordinan tamén Diego Horschovski e Marcelo Saffores. Os artistas e as artistas da cidade acoden á chamada por unha necesidade vital e natural.

Como natural é que nazan proxectos como a revista Lume, de filosofía, ou Balea Cultural, por exemplo. É preciso achegarse a outras formas de ollar o mundo, a publicacións que teñen o enfoque posto en algo que os medios masivos pasan moi por riba ou directamente ignoran. É precisa a pluralidade de voces. A diversidade. E por fin: a información non sustentada en quen subvenciona a publicación, senón nos acontecementos.

Os medios alternativos son, polo tanto, sexa cal sexa o eido, os nosos sanadores como sociedade. Que nunca deixen de ser unha resposta a calquera interrogante. Resposta e síntoma: do maliño que anda o sistema, do sanísima que está a veciñanza.

Carmen Conde Gaute, colaboradora do grupo S3D: Cultura e Medios Alternativos.

 

Bibliografía

Travnik, P. (2015). Hacia una profesionalización del Teatro Independiente en la Ciudad de Buenos Aires. Recuperado de http://ri.unsam.edu.ar/greenstone/collect/coltesis/index/assoc/HASH011f.dir/TESP%20IDAES%202015%20TP.pdf

Neira, C. (12 de abril de 2016). ¿Por qué no nos juntamos en un bar y hacemos un recital de poesía? Compostimes. Recuperado de http://compostimes.com/2016/04/por-que-no-nos-juntamos-en-un-bar-y-hacemos-un-recital-de-poesia/

LinkedIn. (2018). Carmen Conde. Santiago de Compostela. Recuperado de https://es.linkedin.com/in/carmenconde7

 

3 comentarios en “Nada é tan democrático como un medio de comunicación alternativo

  1. A corrixir:
    – 1º parágrafo
    “por suposto, o sistema” (gralla de redacción)
    “[aos seus pares] lles están negando” (pronome proclítico; concordancia do pronome co CI en plural)
    – 2º parágrafo
    “novos creadores poidan” (empregar a forma correcta do presente de subxuntivo do verbo ‘poder’)
    – 3º parágrafo
    “por un momento esteamos” (empregar a forma correcta do presente de subxuntivo do verbo ‘estar’)
    – 4º parágrafo
    “do pobo dáse” (gralla de acentuación, acento diacrítico)
    “cara á luz” (estrutura cara a +)
    – 5º parágrafo
    ‘Deslumbrar’ non existe en galego
    – 6º parágrafo
    “da cidade acoden” (empregar a forma correcta do presente do verbo ‘acudir’)

    Gústame

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.