Adaptarse para sobrevivir: que pode facer unha unitaria para evitar o peche

Os servizos ofertados por un colexio, sexa unha unitaria ou un CEIP, constitúen unha baza relevante á hora de decidir onde escolarizar ós nenos e nenas. No círculo de lectura celebrado o 29 de abril, no que se trataron diversas cuestións relacionadas coa educación no ámbito rural, saíu á luz o devandito tema. Nesta actividade contamos coa participación de Suso Mosquera, director do CRA Coristanco-Santa Comba, de Navia Rendo, estudante de Psicoloxía na USC e de Uxía Balboa, alumna do grao en Educación Primaria na USC. 

Círculo de lectura sobre a educación nas unitarias celebrado o 29 de abril

Suso Mosquera expuxo a súa visión ante a cuestión de se realmente os servizos que ofrece unha escola son determinantes na decisión de escoller onde matricular a un fillo ou filla. Non todos os pais, nais ou titores legais constan duns horarios laborais adecuados ás horas de entrada e saída das unitarias. Sen madrugadores e sen transporte escolar esta incompatibilidade convértese nun problema que se acaba reflictindo no número de matriculacións. Esta situación levou a que o director do CRA Coristanco-Santa Comba, quen coñece dende dentro estes inconvenientes, confesara que no Colexio Rural Agrupado no que traballa estaban “falando de abrir as escolas polas tardes”. Deste modo, poderían adaptarse mellor á situación das familias e, consecuentemente, eliminarían un posible motivo que conduza ós pais e nais a escolarizar os seus fillos ou fillas nun CEIP en lugar de facelo nunha escola rural.

A entrevista realizada a Laura García correspóndese cunha das publicacións lidas previamente polos participantes do círculo de lectura. Ela é nai de Marcos, quen comezou a asistir ó CEIP Barrié de la Maza (Santa Comba) tras o peche da unitaria de Freixeiro. Suso Mosquera afirma que el mesmo foi mestre de dito neno e recalca o seguinte: «En Laura temos unha gran defensora das escolas unitarias, ela tiña que soportar comentarios de “ai muller, tendo aí o colexio grande como o levades á escola?”». Precisamente a esa comodidade se refería Laura no seu testimonio, pois hai familias que lle dan moita importancia ós servizos que lles ofrece a escola, xa sexa por necesidade ou por facilidade: “Na nosa parroquia había xente que levaba ós rapaces e rapazas a un CEIP cando tiñan que ir á unitaria porque tiñan comedor e bus, cando as nais ou pais estaban na casa todo o día”. Ó fin e ó cabo, ela mesma recoñece que estes servizos “facilitan moito as cousas, sobre todo para as familias nas que traballamos os dous pais” e que “son fundamentais á hora de escoller colexio”.

Un exemplo de como unha unitaria toma medidas para adaptarse á situación das familias do estudantado atopámolo na EEI Coirós de Arriba. A súa directora, Concepción Fernández Torices (coñecida como Conchi), asegura que “seguro que vos contan marabillas da educación nestes centros, pero é importante coñecer tamén os inconvenientes”. As desvantaxes ás que se refire encádranse dentro da inadaptación ás circunstancias dos pais e nais do alumnado xa mencionada.

Edificio que acolle a casa do Concello de Coirós e a EEI Coirós de Arriba

En primeiro lugar, Concepción Fernández aclara que no municipio de Coirós existen dúas unitarias independentes unha da outra e engade o seguinte: “Nós non podemos formar parte dun CRA porque se necesitan tres centros”. Ademais, informa de que, hai aproximadamente sete anos, na unitaria da súa compañeira, é dicir, no outro centro que se atopa en Coirós, faltaban dous nenos, pero “por conciliación familiar era inviable matriculalos”. Non obstante, ó pai dun estudante do CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos) ocorréuselle comentar na ANPA do colexio se lles importaría que o alumnado das EEI de Coirós asistiran ó comedor do centro localizado en Betanzos. Dende aquela, tódolos días lectivos á hora de xantar, o estudantando das unitarias coirenses é transportado en taxis cara ó CEIP e, ás catro da tarde, regresan ós seus fogares do mesmo xeito. Tal e como nos aclara Concepción, neste caso os gastos son asumidos polo concello brigantino e afirma que “a canle de comunicación co concello somos nós, as mestras”. 

“Foi a necesidade a que fixo que nós ofertáramos ese servizo”, asegura Concepción, quen confirma o impacto positivo ó engadir a posibilidade de comedor escolar no colexio de Coirós de Arriba: “Loxicamente repercutiu nos seguintes cursos. Xa non estamos en perigo de peche”. Asegura que é unha maneira de competir, en certa medida, con outros centros educativos: “Grazas a iso están facéndonos un colexio novo, porque o ano pasado tiña vinte nenos. A matrícula mantense”. 

O seguinte paso para adaptarse ás familias dos matriculados e matriculadas consistiría en incluír unha ampliación do horario de apertura das unitarias: “Ultimamente, notamos que dúas ou tres familias preguntaban se había servizo de madrugadores”, declara Concepción. Mais Coirós, a pesar de contar cunha comunidade educativa forte, é un concello pequeno cun presuposto limitado, e levar isto suporíalles demasiado esforzo: “Ofertar dúas viaxes a maiores polas mañás xa se lles fai moito”, afirma a profesora.

A EEI Coirós de Arriba tamén carece de actividades extraescolares, un factor que constituiría outra medida de adaptación ós horarios laborais das familias. No CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos si ofertan ditos servizos, pero Concepción Fernández explica que os nenos e nenas das unitarias coirenses “non poden ir ás actividades que organiza o centro. Como na EEI non podemos ofertalas, substitúense coas actividades do concello”. Conta que antes do confinamento impartíanse clases de teatro e pandeireta, entre outras. A mestra da Escola de Educación Infantil considera que “nos sitios pequenos, os concellos chegan máis a cubrir este tipo de demandas”.

A modo de conclusión, mestrado e familias do alumnado das unitarias confirman a existencia dun problema á hora de adaptarse ás necesidades dos pais e das nais. Tomar medidas ó respecto acábase convertendo en imprescindible, xa que como asegura Concepción Torices, a mestra da unitaria de Coirós de Arriba: “Foi a necesidade a que fixo que nós ofertáramos ese servizo”, referíndose ó comedor escolar. Trátase de medidas que evitan os peches destes colexios rurais, xa que, como nos comentaba a propia Concepción, estas modificacións aseguran un número de matriculacións que se mantén positivamente.

Paula Castiñeiras Barreiro (Actividades).

Carlota Fandiño Carragal (Difusión).

Iria Fernández Calvo (Coordinación).

Leila Fernández Castro (Edición).

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.