A importancia de contar co testemuño das persoas con enfermidade mental

S1D

O cinco de febreiro comezaba o noso traballo coa asociación Andaina. Dende que se nos formulou o proxecto, todos os membros do grupo fomos conscientes da dificultade do mesmo. Era un tema que considerabamos difícil de tratar, non só a nivel de contidos, senón tamén pola implicación persoal que efectivamente supuxo, xa que durante estes tres meses estivemos traballando man a man con eles, cos usuarios de Andaina: debates, conversas e moita información persoal.

As viaxes a Dodro, onde ten a súa sede a asociación, fixéronse unha constante cada luns. Na fin de semana, Patricia Casteleiro (círculos), Daniel Cabo (acción final), Óscar López (coordinador de grupo) e José Estévez (edición) encargábanse de preparar a información e de establecer as pautas que se ían seguir en cada reunión de círculos. De maneira xeral, podemos falar de que cada reunión tratou dun tema diferente, sempre en relación á saúde mental e aos medios.

A primeira xuntanza foi moi introdutoria, unha primeira toma de contacto que xirou arredor da experiencia persoal dos membros do círculo como persoas con enfermidade mental. Isto permitiunos coñecelos mellor, saber máis deles e das dificultades polas que atravesa ao longo da súa vida alguén que sofre este tipo de doenzas. Tocamos temas que nos pareceron de gran interese, como a resistencia a aceptar que se padece unha enfermidade mental, a dificultade para atopar traballo ou o tratamento dado aos pacientes por parte dos profesionais sanitarios.

Na segunda reunión xa entramos máis directamente na cuestión e discutimos a representación dos enfermos mentais nos medios de comunicación. A maioría dos membros do círculo contáronnos que non se sentían representados coa imaxe que se daba do seu colectivo e crían que era necesario que mudase a situación. Na súa opinión, nos medios dáse unha imaxe distorsionada deles e non se contan os seus problemas reais. Propuxeron para solucionalo que se conte máis con eles á hora de elaborar os contidos e que se reserven espazos fixos para tratar as súas problemáticas.

Por último, no terceiro círculo decidimos falar dun tema algo máis ameno, o cinema, relacionándoo coa representación das persoas con enfermidade mental nos filmes. Falamos de películas que trasladaban á sociedade unha imaxe negativa do colectivo e doutras coas que ocorría o contrario, como Alguien voló sobre el nido del cuco, por exemplo. Comentáronnos tamén que crían que ningún actor, por bo que fose, podía chegar a representar de maneira fidedigna como é ter unha enfermidade mental, posto que é preciso vivilo. Tratamos tamén outros temas, como o uso estigmatizante da linguaxe ou a relativa mellora da súa situación como colectivo nos últimos tempos, a pesar de que consideran que aínda queda moito camiño por percorrer.

Resultou unha experiencia verdadeiramente enriquecedora. Malia que polo traballo previo de documentación xa eramos conscientes de moitos dos problemas que afectan a este colectivo, non foi até falar directamente cos propios afectados cando nos decatamos realmente das enormes dificultades ás que teñen que facer fronte na súa vida. Escoitar as súas experiencias, os seus problemas e o contexto no que se desenvolven permitiunos pórnos na súa pel, empatizar con eles e coñecer unha realidade que moitas veces pasa desapercibida para quen non ten trato con persoas que padecen unha enfermidade mental.

Foi tamén unha maneira de cuestionar e superar os prexuízos que podiamos ter sobre eles, algo que nos ha ser moi útil no persoal e como xornalistas. A pesar das ideas preconcibidas, moitas veces esqueciamos que estabamos traballando con persoas con enfermidade mental, xa que en ocasións semellaban máis lucidas que alguén sen ningunha patoloxía deste tipo. Por exemplo, un día nada máis sentarnos, antes de comezar unha reunión do círculo, Kiko, un dos membros de Andaina, preguntounos acerca do caso de Gabriel Ruiz, por aquel entón de actualidade, e descubrimos que estaba tan posto no tema coma nós ou se cadra máis. Isto desmonta un dos moitos mitos sobre esta xente, o de que viven no seu mundo.

Retribución: a valoración de Andaina

Os membros de Andaina tampouco quedaron indiferentes ante o noso proxecto. Dende o principio, buscamos a súa implicación, pois ese é o elemento diferenciador que queriamos mostrar ante a actuación doutros medios: o coñecemento a través do achegamento, a escoita activa, o tratamento de iguais a iguais. O traballo non podería ser posible sen a colaboración desinteresada e a implicación total dos usuarios e traballadores do centro, especialmente dunha delas, Angy.  

O clima de comodidade que se estableceu entre Andaina e nós propiciou que fixeramos algunha que outra visita máis ao centro, polo que fomos tecendo vínculos e logramos que os usuarios que conformaban o noso círculo collesen unha maior confianza co grupo. A súa colaboración e aportación de información durante os círculos foi fundamental para sacar adiante o traballo que despois se viu reflexado no blog da asignatura.

Neste sentido, o equipo técnico de Andaina Pro Saúde Mental cre que a experiencia foi moi positiva. Angy, a persoa que acompaña aos enfermos cada día, opina que é beneficioso un achegamento da universidade a colectivos invisibilizados. “É bo que teñades outra perspectiva, máis de ti a ti, como iguais, e que poidades trasladar esa información a outros. É unha forma de romper barreiras”, afirmaba na última visita a Andaina.

Os usuarios da asociación tamén valoraron a experiencia, por exemplo Kiko, membro do círculo, que nos dixo que implicándonos seremos quen de contar a realidade sobre a enfermidade mental. Por outra banda, Lorena Francisco, psicóloga de Andaina, tamén xulgou positivamente o proxecto que desenvolvimos e recoñeceu a importancia de saber tratar esta temática nos medios: “Visibilizar unha problemática que é común na poboación e normalizala é un labor moi importante que non todo o mundo está disposto a asumir. E vós fixéstedelo”.

Tamén falou do lastre que soporta o colectivo dos enfermos mentais ao ter que enfrontarse a estigmas e mitos como que son persoas ansiosas, agresivas ou carentes de emoción. Neste sentido recoñeceu o labor do Observatorio e a importancia de que puidésemos comprobar de primeira man como son realmente aqueles que padecen unha enfermidade desta índole: “Creo que, co voso traballo, sodes os máis indicados para axudar a crear outra visión máis realista sobre a enfermidade mental e comezar dunha vez a romper mitos”.

Por último, destacou a importancia e responsabilidade da nosa profesión: “Creo sinceramente que as persoas que vos dedicades á comunicación tedes un gran labor, pero tamén unha gran responsabilidade en canto á información que transmitides. Por este motivo, considero importante o feito de realizar algún tipo de xornada ou formación dirixida ás persoas que se dedican á comunicación, na cal se poida facer un acercamento aos conceptos correctos a empregar cando se está a falar de saúde mental ou de discapacidade. Creo que é a forma de crear sensibilización e non crear estigma”.

Acción: fiscalizando o enfoque dos medios

Para pór fin ao noso traballo presentamos un vídeo no que lle damos voz aos propios afectados, en concreto a catro membros de Andaina: Eloy, Kiko, Christopher e Matías.  Analizan e comentan varios titulares de medios nacionais, dende noticias deportivas até sucesos violentos,  onde se pode ver unha forma estigmatizante de tratar as enfermidades mentais.

Os enfermos mentais non son tidos en conta normalmente na axenda mediática e non se conta coa súa opinión á hora de elaborar contidos relacionados coa saúde mental, cando realmente só eles poden contar de forma fidedigna o que supón padecer algunha destas enfermidades. Por iso cremos que é tan importante dar a coñecer a súa opinión acerca do tipo de informacións que xeran os medios e a repercusión social que teñen.

 

 

2 comentarios en “A importancia de contar co testemuño das persoas con enfermidade mental

  1. A corrixir:
    – 4º parágrafo
    “necesario que mudase” (empregar a forma correcta do imperfecto de subxuntivo do verbo ‘mudar’)
    – 9º parágrafo
    “o noso círculo collesen” (empregar a forma correcta do imperfecto de subxuntivo do verbo ‘coller’)
    – 11º parágrafo
    “é un labor” (concordancia do indefinido co substantivo en masculino)
    “e vós fixéstedelo” (gralla de redacción)
    – 12º parágrafo
    “recoñeceu o labor” (concordancia do artigo co substantivo en masculino)
    – 13º parágrafo
    “tedes un gran labor” (concordancia do indefinido co substantivo en masculino)
    – 15º parágrafo
    “o que supón” (gralla de acentuación)

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.