BANCO DE ALIMENTOS

Cada proxecto precisa un plan de traballo

A situación de fame, xunto coas demais necesidades que poden estar vivindo as familias e os grupos sociais de escasos recursos, repercute de forma claramente negativa no desenvolvemento individual de cada persoa dentro da sociedade.

O que se viviu durante os comezos de 2020 ata agora, debido á pandemia, puxo nun maior grao de evidencia que existen incontables casos de persoas que necesitan cubrir os recursos básicos para optar a unha vida digna.

Dentro de calquera programa de axuda social, tómase como elemento primordial os servizos de alimentación, cumprindo como base da pirámide para logo partir cara outros puntos de interese mútuo. Con anterioridade, recompilamos información sobre as Cociñas Económicas, asociacións que permiten que moita xente opte a unha comida de calidade e a axuda de sentido humanitario.

Ante a resposta que recibimos por parte das cociñas económicas de A Coruña e Santiago de Compostela, podemos chegar á conclusión de que o nivel de demanda é cada vez maior aínda que afortunadamente sempre se puido ofrecer alimentos a todas as persoas solicitantes.

Detrás deste labor, existen organismos encargados de colaborar no abastecemento de produtos e alimentos. Nese punto é preciso mencionar aos bancos de alimentos, encargados de poder recuperar aqueles excedentes de alimentos que se atopan en bo estado; ben sexa de supermercados, restaurantes, empresas colaboradoras ou persoas que simplemente desexan aportar un gran de area coa finalidade de poñer todos os recursos posibles á disposición das institucións de axuda social.

Os bancos de alimentos non ocupan unha atención directa coas persoas, o seu labor radica en traballar con espazos como as Cociñas Económicas para que se logre unha distribución axeitada e o emprego da materia prima. As persoas que acoden a estas vías de substento social teñen unha visión positiva e valoran o nivel de esforzo e dedicación que empregan todos os traballadores, sendo o seu principal motor en axudar a quen máis o precisa.

Falamos con Miguel Cáceres, un migrante procedente de Uruguai que traballou toda a vida na construción como pladurista, e que vive en Galicia dende hai máis de 14 anos. Miguel achéganos unha opinión máis cercana á realidade que se vive cando precisas axuda deste tipo de organizacións como a Cociña Económica (que xeralmente manexan un plan de traballo e organizacións dos recursos principais en función das directrices outorgadas polos Bancos de Alimentos).

“Logrei chegar á Cociña Económica fai máis de 10 anos servindo como voluntario pero as cousas cambiaron e agora véxome do outro lado da balanza” menciona Miguel.

Estes organismos non só aportan unha alimentación equilibrada para quen se ve limitado ao seu acceso, senón que ao mesmo tempo conforman unha vía de reintegración social ao ofrecer vacantes de voluntariado e promover unha retroactividade para quen está disposto a colaborar nun primeiro plano. Incluso estas persoas que deciden dar un paso adiante para axudar a outros tamén reciben beneficios con artigos de hixiene básica como champú, xabón e afeitadoras.

“É un sitio que nunca che deixa sen comer. Cando vas por primeira vez eles aténdente 3 ou 4 días e despois xa te pasan cun traballador social para saber a túa situación. Non depende todo do traballador tampocuo, senón de máis arriba, eles teñen un plan de traballo” sinala.

 “A Cociña Económica nunca baixou o nivel de atención, ofrecendo incluso opcións de comida para levar, reinventando as formas de suplir a maior cantidade de persoas que a causa da pandemia sufriron un aumento considerable incluíndo novos estándares. Desde novos, persoas da terceira idade e compatriotas migrantes que se viron nunha difícil situación económica por todo o estancamento laboral que se viviu nos últimos meses”.

No caso de Miguel, mantense grazas ás múltiples axudas que logra recadar entre Cruz Vermella, Cáritas e vestidores públicos como o de Xoan XXIII. “A situación de fame pode rematar sendo un desencadeante para vivir na rúa, xa que moitas veces cando non tes para comer tampouco tes para pagar un teito”.

Demostrando o seu agradecemento e aberto a compartir a súa experiencia, puidemos contrastar que tanto os bancos de alimentos como as Cociñas Económicas veñen realizando un labor que merece maior recoñecemento.

Unha vez analizada a situación dun consumidor habitual da Cociña Económica, decidimos tamén expoñer o funcionamento dentro do Banco de Alimentos Rias Altas para coñecer como é a loxística e o plan de traballo para lograr corresponder con todas as organizacións involucradas. Unha entidade que conta con 4 almacéns de distribución: un en Santiago, un en Ferrol e dous en A Coruña. No ano 2020 atenderon a 24.822 beneficiarios a través de 182 entidades sociais da provincia de A Coruña, repartíndose un total de 2.680.498 Kg/l de alimentos.

No 2020, o número de usuarios habituais incrementouse en 3.096 beneficiarios máis, firmando convenios de colaboración con 11 entidades sociais máis; é dicir, pasaron de 171 a 182. Aparte deste incremento, hai que sumar aqueles beneficiarios puntuais que trouxo consigo o decreto do Estado de Alarma provocado pola Covid-19: 1.800 familias que supuxeron uns 5.000 beneficiarios máis entre os meses de abril e xuño de 2020 (incremento do 23%).

Os alimentos que se reparten dende a entidade baséanse en: leite, almorzos simples, arroz, pasta, legumes, aceite, azucre, conservas vexetais e de pescado, alimentos infantís e aseo; sempre que é posible, contribúen coa proteína que adoita ser carne. É necesario sinalar que no 2020 incrementáronse considerablemente as donacións de particulares, empresas e axudas das administracións e que as solicitudes para ser voluntarios creceron.

A entidade colaboradora conta con medios de difusión (web e redes sociais) que se actualizan a diario, e que a prensa escrita e dixital difundiron o labor social ao longo de todo o ano. Ademais das campañas puntuais que se poidan promover a favor da asociación por parte de FESBAL e de todos os donativos que recibiron, recóllense mermas de áreas de alimentación; é dicir, alimentos non comercializables pero si comestibles, que teñen preto a data de caducidade ou que teñen algún desperfecto de presentación no seu envoltorio (pero que non afecta ao contido). Os supermercados retíranos da venda e diariamente se recollen, transportan, revisan e se recepcionan para a súa posterior entrega ao día seguinte.

É evidente que a través da situación de pandemia moitas persoas se viron limitadas en moitos aspectos, deixando a cesta básica alimenticia como un dos puntos máis sufridos de todo o eslabón. Por fortuna, Galicia conta con grupos de persoas que adican a súa vida en pro do benestar social e da axuda humanitaria, entendendo que cando todos nos apoiamos e aportamos, os resultados reflíctense nun mellor desempeño individual e grupal, sen necesidade de pasar fame un só día.

Fonte: Balrial

Daniel Pereira (Coordinación y Difusión)

Carlos Ramirez (Actividades)

Diego Real (Edición)

Raúl Villamarín (Edición)

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.