María Xosé Agra, catedrática de Filosofía Política: “Aínda segue custando introducir os estudos feministas como un coñecemento válido na Universidade”

S2B

Actualmente, na Universidade de Santiago de Compostela seguimos atopando situacións absolutamente contrarias entre sí. Por unha banda, temos unha oferta ampla de estudos de xénero (másteres, materias en determinados graos…) e por outra, temos comportamentos e actitudes completamente misóxenas e machistas por parte de determinados profesores da universidade. Quizais estes dous exemplos visibilizan a ollada feminista que comeza a emerxer na universidade e, ó tempo, a persistencia dun pasado machista que debemos erradicar.

Circulan novas que se refiren a actos nos que algúns profesores de moito prestixio na USC se dirixían ás alumnas cun absoluto desprezo, ou mesmo ignoraban a súa presenza na aula. Os tempos de Concepción Arenal, aqueles nos que se tiña que disfrazar de home para entrar na súa facultade, xa pasaron. Tampouco son situacións pertencentes á xeración anterior á actual, sen ir máis lonxe, no curso pasado fixéronse públicas denuncias a un profesor por unha actitude intolerable nunha aula do século XXI cunha alumna. O sorprendente non é que eses comportamentos continúen estando presentes na universidade, senón a xustificación deses comentarios por parte de moitos compañeiros. Claro que non debe resultar sorpresa que na Universidade perduren estas actitudes, cando noutras instancias -como, por exemplo, nos tribunais- hai xuíces que, desprezando ás superviventes de violación, ironizan sobre o seu posible placer sexual durante a agresión.

Por iso é tan necesaria unha intervención na universidade que introduza unha perspectiva de xénero, para lograr erradicar estes comportamentos e para contribuír a que as futuras xeracións de profesionais teñan a necesaria ollada feminista que lles permita fomentar a igualdade nos seus postos laborais e na súa vida privada. María Xosé Agra, catedrática de Filosofía Política na Universidade, relata a súa experiencia persoal: “nos debates que se realizan entre o profesorado universitario, incluso entre os máis progres, introducir contidos de xénero na docencia é cousa de mulleres” como se non fose con eles.

Neste sentido, sinala “só os profesores máis novos da miña faculdade introducen unha perspectiva transversal nas súas materias”.

Considera que é fundamental que en todas as disciplinas sexa recoñecido o papel da muller, sexan valorados os seus descubrimentos, investigacións, teorías ou reflexións; pero, a parte diso, “aínda que non sexa necesario sinalar todas as citas misóxinas que se fixeron ao longo da historia por intelectuais, si que é fundamental facer notar os seus silencios. Por exemplo eu, cando falamos de Hobss e de todos os contractualistas que defenden o contrato social como unha forma de organizar a sociedade, fago ver o papel inexistente que teñen as mulleres nesas doutrinas”, explica María Xosé Agra. A catedrática defende que esta é unha tarefa esencial na universidade, sobre todo para formar a futuros formadores, xa que detecta que á universidade chegan moitas alumnas e alumnos que non distinguen entre sexo e xénero, que non teñen ningunha referencia relacionada coa historia de feminismo, en definitiva, que carecen de contidos básicos.

Comentaba a nostalxia que sentía a recordar aqueles debates, nos que cando ela era nova, lían os textos clásicos, reflexionaban sobre teorías feministas, mentres que agora pensa que quizáis “hai moito activismo pero pouca reflexión”.

Recompilando toda esta información, o grupo S2B pensa serían necesarios máis contidos de xénero na universidade, máis alá dos que se ofrecen públicamente nestos momentos, como son o Máster Universitario en Igualdade, Xénero e Educación, ou algunha asignatura en educación ou en historia.

Queda pendente unha presenza máis integrada nos plans de estudo, tanto nos graos da rama de humanidades como da rama de ciencias da saúde. Como sinala María López Sández, profesora da facultade de Ciencias da Educación, “é necesario criticar os discursos que o patriarcado utiliza para xustificar o mantemento das mulleres nunha situación subordinada”, e o mundo académico é a base para facelo.

En cada momento histórico as persoas reflexionan sobre o mundo que lles toca vivir, a partir das accións.

María Xosé Agra iniciou a súa actividade teórica e práctica durante a transición española, nese momento, as inquedanzas das mulleres xiraban arredor da igualdade civil, a emancipación, a liberdade sexual… Tempos moi diferentes aos que lles tocou vivir ás mulleres feministas nos anos 20.

Condicións do Contrato de Mestras que todas as mulleres debían asinar para exercer a docencia nos anos 20
Condicións do Contrato de Mestras que todas as mulleres debían asinar para exercer a docencia nos anos 20. Fotógrafa: Aitana Martínez

O que lle toca vivir a mocidade actual tamén é unha situación distinta, pero se algo está claro, é a necesidade dun cambio, e se algo debe implantarse na sociedade é que o feminismo sexa obxecto de preocupación para todos, e por iso debe ter unha presenza maior no plan de estudos de todos os graos, para poder concienciar debidamente á xeración do futuro.

Nadia Iglesias (Elaboración do texto e entrevista)

Aitana Martinez (Edición e entrevista)

Carlos Menéndez (audios)

Adriel Mateo (Maquetación)

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.