S3A
“A nosa filosofía é esa, de que o ecolóxico sexa completo, igual que os produtos que sexan, o máximo posible de proximidade, para que tampouco se contamine ao traelos á nosa terra”. Con estas palabras Suso Fernández, rexente da tenda Seiva de Abril en Compostela, transmite a filosofía da produción ecolóxica.
As autoridades aportan unha concepción certamente reducionista do que é un produto ecolóxico. Este é aquel produto cultivado respectando os ciclos da natureza, sen uso de pesticidas químicos, nin fertilizantes sintéticos nin tampouco transxénicos. Por outra banda, existen outros aspectos que se deberían ter en conta: “Non é o mesmo unha leituga que se comercializa nunha hortiña de aquí ao lado ou a cinco ou dez quilómetros, que que che veña un contedor cunhas leitugas moi ecolóxicas (…) dende EE.UU”, explica Katia Mera, dona da tenda Legumia.
Un deses outros aspectos é o chamado quilómetro cero. É un concepto que apela a producir de forma local e, así, diminuír o custo medioambiental para o planeta. Xunto a el, outro aspecto é a pegada ecolóxica: un indicador co que medimos o impacto das accións humanas e do tempo que se precisará para contrarrestar as consecuencias desas accións. O produto debe cumprir os estándares de produción ecolóxica, pero a distribución e o consumo do mesmo tamén debe cumprilos.
Vemos, pois, que un produto ecolóxico debe cumprir unha serie de requerimentos: debe ser cultivado respectando os ciclos da natureza, sen pesticidas químicos nin fertilizantes sintéticos ou transxénicos de por medio, rotando os cultivos para aproveitar os nutrientes propios da terra e fomentando as especies locais resistentes a pragas e enfermidades, incluíndo ademais o benestar no caso de animais (que deben ser alimentados con produtos tamén ecolóxicos). Un alimento que cumpra eses requerimentos é, polo tanto, ecolóxico.
Como consumidores temos certas ferramentas para asegurarnos de que un produto ecolóxico verdadeiramente o sexa; unha destas ferramentas é a etiquetaxe. A nivel europeo temos a Etiqueta Ecolóxica Europea, creada en 1992. Trátase dun etiquetado voluntario pero que certifica que estamos ante un produto ecolóxico, é dicir, un produto pode ser ecolóxico sen levar etiqueta, pero a súa inclusión asegura que a súa produción foi ecolóxica.
Nesa etiquetaxe inclúese unha serie de informacións. Primeiramente, observamos o logo identificativo “Eurofolla”. Tamén de xeito voluntario, este logo pode ir acompañado doutro, o selo da certificadora local. No caso galego temos o CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), aínda que tamén existen certificadoras de carácter privado.
Xunto a estes logos temos que ter obrigatoriamente, un código alfanumérico que identifica a autoridade de control, é dicir, quen certifica que ese alimento cumpre coas esixencias lexislativas para ser catalogado como ecolóxico. Xunto ao código da autoridade de control debemos atopar o lugar de produción, pero neste caso o lugar de produción pode ser moi impreciso, xa que pode ser o país no que se produciu ou incluso indicar se se produciu dentro ou fóra da UE.
E aquí é onde temos un dos grandes problemas deste sistema, só atende á forma de produción e non ten en conta, por exemplo, a distancia entre produtor e consumidor. España importou en 2011 máis de 25,4 millóns de toneladas de alimentos que recorreron de media 3827 quilómetros. O resultado de toda esta importación: 4,2 millóns de toneladas de CO2 emitidas á atmosfera. Os produtos son ecolóxicos, si, pero o seu traslado non axuda ao medio.

Noutros produtos coma os ovos tamén podemos observar un código a nivel europeo. Dito código está composto, tamén, por unha serie de elementos:
En primeiro lugar temos un número, que vai do cero ao tres: 0 para ecolóxico, 1 para campeiras, 2 para galiñas criadas no chan e 3 para galiñas criadas en gaiolas.
En segundo lugar hai unhas letras, un código que identifica o país ao que pertence. Así podemos atopar ES de España, FR de Francia, D de Alemaña, etc.
E, en terceiro lugar, hai un conxunto de números: identifican o lugar de explotación do que proceden os ovos. No caso de España as cinco primeiras cifras correspóndense co código postal do municipio. A nivel galego temos os que comezan por 15 para os da Coruña, 27 para Lugo, 32 para Ourense e 36 para Pontevedra. As tres últimas cifras identifican a granxa, pero a información de a quen corresponde cada código só as coñecen as CC.AA.

A pesares da existencia destas formas de etiquetaxe, acotío non se fan dabondo. Tal e como explicaba Raquel, propietaria de D’Aldea –unha das tendas do noso catálogo de puntos de venda ecolóxica en Compostela-, “o CRAEGA está certificando produto que vén da China, pero non é galego realmente. Iso dá lugar a confusións”.
Nisto agóchase unha das principais eivas do sistema de etiquetaxe de produtos ecolóxicos: a escasa información sobre a trazabilidade dos mesmos. Os consumidores descoñecen, como mencionabamos, a distancia que hai entre eles e mailos produtores das pezas que adquiren. “A xente ve o selo do CRAEGA e xa pensan que o produto é galego. E non é real, non é verdade. Tes que explicárllelo”, comentaba Raquel.

Este resulta ser un problema que afecta aínda máis aos consumidores que están a comezar a súa andaina nas dinámicas do consumo responsable. E é que outra eiva que achamos no sistema de etiquetaxe é o difícil que se pode facer para as persoas que non adoitan consumir este tipo de produtos entender o significado de cada unha destas etiquetas. Jesús Mantilla Cuenca, que non consume de xeito ecolóxico comenta: “Parece que para consumir en ecolóxico temos que informarnos moito antes de mercar porque as etiquetas non son intuitivas”.
Referímonos a coñeceren a información que achega cada selo arredor das circunstancias e características que envolven a súa produción, así como a súa orixe. E é que quen é consumidor habitual deste tipo de produtos xa está afeito a escoller os alimentos de entre as indicacións das etiquetas.
Malia todo, incluso o consumidor máis afeito ao consumo ecolóxico pode verse confundido no caso das etiquetas menos intuitivas. Exemplo disto vémolo no caso do etiquetado dos ovos, a respecto do que habemos coñecer o seu código se queremos saber de onde veñen. Unha información que se fai inda máis complexa de interiorizar e coa que estaren familiarizados.
Respecto disto incluso as propias vendedoras de ecolóxico, como por exemplo Lola de As Cabaciñas, comentan o positivo que sería que etiquetas numéricas coma o do produto avícola do que viñamos falando, foran de cores ou formas: “Sería mellor que os distintivos fosen galiñas de cores, por exemplo. Ou incluso cos azucres, con aquilo que teña máis ou menos azucres. Podía empregarse o roxo, verde e azul. O verde totalmente ecolóxico, o azul intermedio e o vermello nada”.
SERÍA MELLOR QUE OS DISTINTIVOS FOSEN GALIÑAS DE CORES, POR EXEMPLO.
Lola, dependenta de As Cabaciñas.
Debemos salientar que no ámbito da etiquetaxe todo é ou branco ou negro, ou cumpres e podes levar a etiqueta ou non cumpres con todos os parámetros e non a podes levar. Pero na realidade temos produtos que se aproximan a esa produción ecolóxica e en cambio non teñen ningún distintivo con respecto a outros que son moi nocivos co medio, métese a todos no mesmo bote.
Por exemplo, hai produtos gandeiros que teñen unha produción próxima ao ecolóxico, pero que non contan cunha etiqueta que o certifique. Este é o caso do leite de pastoreo que, a diferenza do leite ecolóxico, non conta cun etiquetado que o clasifique como tal. Cada vez vemos máis marcas que inclúen nalgún dos seus produtos a frase “leite de pastoreo”, pero a realidade é que este distintivo non está regulado a nivel institucional, o que provoca que se preste ao engano.
A comezos de 2020, a Xunta de Galicia puxo en marcha un procedemento para tratar de regular a marca de pastoreo. Un dos aspectos chave da proposta foi a vontade de garantir que as vacas pasasen un mínimo de horas no pasto (sendo esta a base da produción do leite de pastoreo). A marca resultante foi “Leite de Pastoreo de Galicia”, que aínda non está operativa debido a que aínda non se tramitou o seu rexistro na Oficina de Patentes.
Outro exemplo atopámolo na apicultura. No seu caso, o problema non é tanto a falta de etiquetado como un etiquetado deficiente. Polo momento, calquera consumidor que merque un bote de mel non pode saber a súa verdadeira orixe. Porque un mesmo envase pode conter un 1% de mel de orixe española e un 99% procedente de China, mentres que no etiquetado aparece a inscrición “meles procedentes de países da Unión Europea (UE) e de fóra da UE” debido a que as normativas española e europea non obrigan a indicar o país de orixe do produto.
Agora, mentres o Ministerio de Agricultura agarda por un informe da UE que dea luz verde a unha norma que obrigue a indicar o país de orixe do produto, a única etiqueta que especifica a orixe do mel é a da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, que garante que o produto é de orixe galega.

No ano 2019, setenta asociacións (entre as que se atopa Mel de Galicia) puxeron en marcha a Plataforma Etiquetado Claro Xa, co obxectivo de conseguir un etiquetado transparente, que permita coñecer con claridade a orixe do produto. Consideran que a mellora deste etiquetado beneficia non só aos produtores (recoñecendo o seu produto) senón tamén aos consumidores, que disporían dunha maior e mellor información alimentaria.
Para poder poñer unha etiquetaxe correcta e, sobre todo, para que ese produto sexa representado polo selo correspondente, fai falta ter consciencia sobre todos os procesos do produto. “Facer os pedidos lévache moitísimo tempo porque non podes comprar calquera cousa, tes que mirar que sexan do comercio xusto e que sexan éticas”, afirma Eva, unha das donas da tenda As Cabaciñas.
Con todo, unha correcta etiquetaxe é unha das filosofías do comercio xusto. É unha cuestión de respecto aos seres humanos, é unha busca da sostenibilidade social, económica e ambiental das sociedades e é un fomento dunha xestión responsable e sostible dos recursos naturais.
Podemos comprobar se un produto é de comercio xusto se no seu envase ou etiqueta contén algún dos selos correspondentes: Fairtrade, Ecocert/Fair for Life, Naturland, Símbolo de Pequeños Productores ou o da Organización Mundial del Comercio Justo (WFTO).
De cara á dinamización da Produción e mais do Consumo Responsables, non deixa de chamar a atención o contraste que se dá entre as propostas institucionais de apoio a este ODS -véxase a meta da Europa Sostible- e mailas axudas que finalmente reciben produtores e consumidores. Bo exemplo disto vémolo no prezo e nas esixencias para a consecución da etiqueta de produto ecolóxico, que deixa fóra boa parte dos produtores máis pequenos ou daqueles que queren comezar a selo.

Tamén fai proba a carencia de termos medios a respecto á concesión destes selos nos produtos diante daqueles que cumpran só algunhas destas esixencias e non outras quizabes por falta de medios, se pensamos, de novo, nos produtores máis pequenos.
O mesmo ocorre, tal e como expoñiamos anteriormente, coa carente información sobre as condicións de produción que achegan, unha vez concedidos, estes selos. E é que podemos estar diante dunha hortaliza que efectivamente non se criou con pesticidas pero si nunha grande extensión de terreo cuxo abono se tivese infiltrado aos espazos fluviais da zona. Igual que acontece arredor da trazabilidade da orixe do produto.
No caso das consumidoras concienciadas, estas acostuman por o ollo na cuestión da etiquetaxe, como a estudante Mariña Rodríguez: “Si que me fixo porque estou moi concienciada sobre o tema. Se hai un produto que ten a etiqueta “eco” ou o certificado de agricultura ecolóxica ou o que sexa, prefiro mercar ese produto que comprar que non o leve”.
Pero esta situación é distinta para quen non está concienciada, levándonos o problema máis ineludible do actual sistema de etiquetaxe ecolóxica: a confusión que causa nos consumidores. Suso Fernández, propietario de Seiva de Abril, falaba claro a respecto da dificultade de comprensión que pode implicar o etiquetado: “As cousas cando nolas poñen fáciles chegamos mellor a elas que cando nolas dificultan. Tamén é certo que ás veces nolas dificultan para que non cheguemos a elas”.
Fernández facía referencia coas súas verbas ao feito de que cun sistema de etiquetaxe máis claro e sinxelo sería posible facer chegar estes produtos a máis consumidores. E é que non semella un disparate proxectar un cambio nas etiquetas para mellorar a visibilidade e accesibilidade a estes produtos, vista a problemática que enfrontan os consumidores á hora de coñecer o que están a adquirir. Todo é mellorable no camiño cara a Produción e mailo Consumo Responsables.
Paula Pérez Cantelar (difusora; entrevistas a As Cabaciñas, produtoras de Entre Lusco e Fusco e Seiva de abril; fotos e redacción), Iria Ramos Mesía (responsable de actividades; entrevistas a D’Aldea, A Cesta da Saúde e A Tenda das Herbas, fotos e redacción); Martín Rei Leis (editor; entrevistas a As Cabaciñas, produtoras de Entre Lusco e Fusco, A Cesta da Saúde; fotos e redacción), Uxía Sánchez Lorda (coordinadora; entrevistas a Legumia, Colmado da Vila e O Xardín dos Soños; fotos e redacción), Iria Tojo Aldariz (editora; entrevista A Tenda das Herbas; fotos e redacción).