Comecemos co consumo e produción responsables

Ao día temos tres oportunidades de cambiar o mundo: cando almorzamos, cando comemos e cando ceamos” di Isabel Calabria, que rexenta unha tenda de comercio xusto en Compostela. E é que no noso día a día tomamos decisións que teñen a súa repercusión no mundo que nos rodea.

Aínda así acotío vemos información nos medios, da cal unha parte trata sobre o consumo, pero normalmente inciden en iniciativas de produtores e produtoras, información sobre produtos ou curiosidades, e poucas veces inciden no papel que cada unha de nós xoga tamén no día a día.

Por iso hoxe queremos animarvos cunha serie de consellos e boas prácticas a pasar dunha actitude pasiva a unha activa en prol dunha produción e consumo responsables, axudando co noso pequeno gran de area a facer deste un mundo más sustentable.

Para comezar nesta andaina do consumo responsable, tendeiro que practica do consumo evenda responsable, Suso Fernández, ten claro cal é o primeiro paso: “Sexamos conscientes. Cando eres consciente do que te rodea, sabes que camiño coller”. E para iso, debemos ser conscientes “de todo, en absoluto. Dos zapatos que levamos e de onde veñen, que pasou para que haxa uns zapatos ata que os tes ti”.

CANDO ERES CONSCIENTE DO QUE TE RODEA, SABES QUE CAMIÑO COLLER.

Suso Fernández, tendeiro

E para conseguir esta concienciación, pode que ás veces sexa preciso un empurrón. Ou polo menos así o considera Eva, unha tendeira dun local ecolóxico: “Sería moi importante que a nivel das administracións se fixeran programas divulgativos de todo iso: da importancia de reciclar, dos nutrientes dos produtos ecolóxicos, de como van influír na nosa saúde”. 

E no mesmo senso apunta Xosé Manuel Durán, presidente da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia e da entidade Nonéomesmo, a importancia da educación e da política para concienciarnos: “Eu traballaría xa nas escolas a nivel pequeno. Despois tamén é importante que os políticos sexan conscientes e apoien estas iniciativas porque se precisa apoio para levar a cabo as cousas”. 

E tamén Mariña Rodríguez, consumidora responsable e vexetariana, salienta a importancia doutras figuras: “os influencers con grande repercusión en redes poden animar á xente nova a encamiñarse nun consumo sustentable”.

Deste xeito, considera Eva, tamén tendeira xunto con Lola, que a xente podería entender este consumo responsable e “animarse a consumir produtos polos seus beneficios, tanto para el como para o medio. Porque é todo unha cadea onde se van beneficiar todos”.

Por outro lado, e simplemente coas palabras “escoller proximidade”, Isabel Calabria pon sobre a mesa outra das múltiples boas prácticas que podemos levar a cabo para coidarnos a nós e ao medio ambiente.

Producir e consumir localmente implica reducir os longos e contaminantes traxectos de importación. En absoluto é unha cuestión baladí, xa que “cantos menos residuos deixemos, mellor”, afirma Calabria. Os comercios de proximidade aportan sostibilidade ao consumo e moitos deles consideran esta idea parte da súa identidade.

Na mesma liña tamén está Katia Mera, que rexenta unha tenda ecolóxica e de produtos a granel: “Visitar os mercados de cada vila, os mercadiños onde os produtores próximos ofrecen as súas cousas, as tendas locais que ofrecen produtos de produtores próximos…”.

O propio factor humano cobra importancia; neste tipo de tendas os dependentes recoñecen aos seus clientes, os seus gustos e conséguese un trato máis cálido e achegado. As tendas de barrio animan as nosas rúas, fan que sexan máis alegres e que os lazos entre as cidades se manteñan, ademais do mantemento de numerosas familias que están detrás de cada tenda.

Prodúcese, pois, unha retroalimentación: o consumidor obtén un trato máis persoal e especializado e, ao mesmo tempo, está contribuíndo ao comercio local, con todo o que iso implica. “Ao final a responsabilidade pasa por consumir o produto máis próximo (…). Ao final estás creando riqueza: se a min me vai ben a ti ao final vaiche ir ben. Entonces eu creo que o consumo responsable é ao final un consumo circular” comenta Raquel, a dona dun comercio ecolóxico.

AO FINAL A RESPONSABILIDADE PASA POR CONSUMIR O PRODUTO MÁIS PRÓXIMO.

Raquel, tendeira

Outra opción que deberiamos ter en conta, ademais da compra de proximidade, é o autoconsumo. “Se tes unha horta e podes plantalo ti, moito mellor”, coméntanos Isabel Calabria.

Este é un pequeno gran paso que podemos dar, xa que producir os nosos propios alimentos reduce a pegada de CO2 do transporte, convertendo a estes xa de por si en máis ecolóxico, ademais “Ti sabes como trataches esa planta, empezando por aí”, engade Calabria.

Non ten por que ser unha produción total, abonda con dar ese primeiro paso e crear unha horta propia, comezando cunha plantación pequena. Isto serviranos para aprender máis de como se producen os alimentos, a valorar máis estes e coller o hábito de consumir produtos de temporada.

Pode ocorrer que non poidamos producir todo o que necesitamos e que teñamos que mercar, e á hora de consumir responsablemente o primeiro que nos vén á cabeza, precisamente, é a alimentación e as súas características.

A elección destes alimentos non só inflúe na nosa saúde, senón tamén no medio ambiente. Por iso debemos ter presente que unha alimentación responsable é o primeiro paso para adoptar un estilo de vida sustentable

Neste camiño, un hábito que pode contribuír a un consumo responsable é mercar a cantidade xusta de alimentos. É dicir, mercar só aquilo que imos consumir a curto prazo. “Hai veces que mercamos paquetes grandes de produtos que logo quedan nas despensas porque non os consumimos con frecuencia”, explica Gabriela Fernández, propietaria dunha tenda de produtos de comercio xusto. Mercar o que precisamos, o que si imos consumir, supón a redución de desperdicios e, polo tanto, un mellor aproveitamento dos recursos

Outro exemplo de consumo responsable é a compra de produtos ecolóxicos (da que vimos falando no noso percorrido polo blog). A base deste tipo de alimentos é a produción sustentable e o respecto polo medio ambiente. Prescinden das substancias químicas (como os herbicidas), polo que contribúen a reducir a emisión de substancias contaminantes no aire, na auga e no solo.

Alén da alimentación existen opcións e hábitos de consumo que podemos levar a cabo de xeito individual e que poden axudar no camiño do consumo responsable. Un dos eidos que máis marca a diferenza é o dos materiais de envases e demais soportes de uso breve e que permanecen de xeito perenne na contorna unha vez desbotados. O dos plásticos é o exemplo por antonomasia. 

Nos derradeiros anos déronse iniciativas lexislativas con ánimo de cobrar as bolsas de plástico nos supermercados e deste xeito comezar a desincentivar o seu consumo. Con ditas normas colleitouse un éxito relativo, pero nas grandes superficies seguen a verse produtos envasados con plásticos innecesarios, coma no caso dalgunhas pezas de froita, ou con soportes moi difíciles de reciclar e nocivos coa contorna como poden ser as bandexas da carnizaría.

FOTO: Plátanos envasados en plástico. FONTE: propia.

Algunhas das alternativas polas que podemos optar para evitarmos o consumo deste tipo de materiais pasan polo emprego dos nosos propios envases ou un tipo de venda distinto, como pode ser o da venda a granel. Neste sentido, Gabriela Fernández, explicábanos que poder levar do establecemento a cantidade xusta que precisamos faise chave para non abusar dos plásticos.

FOTO: botes con legumes a granel en Seiva de Abril. FONTE: propia.

Por outra banda, Cati sinalaba tamén a importancia de apostar por outros materiais na presentación do produto: “Eu aquí procuro ter o máximo de produtos en envases de cristal”, comentaba.

Do mesmo xeito, a propia Cati, dende o mostrador da súa tenda ecolóxica, daba nun punto chave arredor do Consumo Responsable: o estilo de vida e mailo tipo de alimentación. Ela, como vegana, a respecto do veganismo defendía que “se es vegano es consciente de que hai cousas [que contaminan a contorna] que derivan da explotación animal. Considero que é o estilo de vida máis respectuoso”, concluía.

Blanca Pérez, consumidora responsable e vexetariana, afirma: “as persoas vexetarianas estamos máis concienciadas. Hai quen deixa de tomar carne por saúde pero en xeral penso que quen deixamos de comela por cuestións de ecoloxía estamos máis concienciados”.

Pero unha vez máis, alén da alimentación segue habendo graos de area que podemos achegar dende o noso día a día. Un non ten necesidade de adoptar o veganismo para consumir con máis ollo outro tipo de produtos.

Katia Mera, outra das comerciantes de produción ecolóxica da cidade, dicíao ben claro: “A todos os niveis sempre se pode ser moito máis ecolóxico”, e do mesmo xeito lembraba outros eidos de consumo en que podemos optar pola escolla máis respectuosa co medio: “Produtos de hixiene como por exemplo, unha pastilla de xabrón que está feita de xeito natural, cun aceite ecolóxico…”, apuntaba.

Mera tamén fala dos desprazamentos, da posibilidade que temos de coller o transporte público no canto de movernos por sistema no vehículo particular. E é que o consumo, malia non parecelo, pode ir moito máis alá do que levamos á boca. 

Despois de presentarvos as problemáticas e efectos do sistema de sobreprodución que impera na nosa sociedade e expoñervos o consumo e produción ecolóxica como principal alternativa e as ferramentas para comezar nela (etiquetas, oferta e recomendacións máis específicas); consideramos que o noso traxecto no Observatorio remata aquí.

Así, queremos agradecer de igual modo a todos os nosos colaboradores e colaboradoras que valoraron o noso traballo, como as tendeiras de As Cabaciñas, pois unha delas destacaba: “Cousas coma a que estades facendo poden abrir moitos ollos”. 

Porque como considera Rocío Martínez, consumidora responsable e vexetariana: “Penso que nos medios hai unha tendencia xeralizada a poñer exemplos lonxanos, cos que non nos identificamos tanto, entón creo que o que estades a facer poñendo o foco en Compostela, fainos ver que si que está preto o consumo e produción responsable e que si que temos ferramentas para comezar con el”.

E para concluír, as verbas de Enrique Benavides, representante de Augas de Galicia na nosa mesa redonda pola contaminación dos ríos, a respecto do labor dos medios de comunicación nesta materia: “Vós como xornalistas ides ter unha grande responsabilidade en todo isto”. Sendo ese “isto” o avance e maila importancia da concienciación cidadá no camiño da produción e mais do consumo responsables.

E con estas recomendacións de parte dos nosos colaboradores que practican da produción e consumo responsable damos paso á vosa quenda

Paula Pérez Cantelar (difusora; entrevistas a As Cabaciñas, produtoras de Entre Lusco e Fusco e Seiva de abril; fotos e redacción), Iria Ramos Mesía (responsable de actividades; entrevistas a D’Aldea, A Cesta da Saúde e A Tenda das Herbas, fotos e redacción); Martín Rei Leis (editor; entrevistas a As Cabaciñas, Seiva de Abril, produtoras de Entre Lusco e Fusco, A Cesta da Saúde; fotos e redacción), Uxía Sánchez Lorda (coordinadora; entrevistas a Legumia, Colmado da Vila e O Xardín dos Soños; fotos e redacción), Iria Tojo Aldariz (editora; entrevista A Tenda das Herbas; fotos e redacción).

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.