A universidade en Santiago: compañeirismo e novas relacións

QUINTILLÁN POZA

Centro Sociocultural José Saramago

“A universidade é un lugar onde se pode debatir, onde se pode coñecer e entender a maiores o mundo”. Esta é a visión que ten da universidade Antonio Villasenín, estudante de Maxisterio. Pensa, ademais, que “as relacións interpersoais están desaparecendo a nivel social, e nos estudos ven a similitude”.

O compañeirismo é un dos aspectos chave a tratar, polo que indagamos no tema a través dunha nova que compara ese vínculo co de hai uns anos. Deste xeito, analizamos como se comporta o alumnado no ámbito académico. Ígor Mella, bolseiro de pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC, opina: “A competitividade está á orde do día, pero é a resposta ao sistema que se está esixindo”. Ademais, engade queo traballo individual ofrece un beneficio positivo”. Tamén é importante analizar se os métodos de traballo de cada aula inciden no traballo en conxunto. Antonio opina que na súa facultade se fomenta a cooperación en grupo: “Non hai practicamente ningún traballo que sexa individual, creo que nos queren inculcar iso e que os profesores teñen unha mínima conciencia do que é a colaboración”. Nerea González, estudante de Filoloxía Hispánica, concorda con Antonio, xa que na súa carreira “a maioría dos nosos traballos son en grupo, e os traballos que son individuais adoitan ser voluntarios.” Isto depende do método de traballo de cada grao. “En dereito é todo individual, non temos practicamente traballos en grupo”, asegura Laura Rubio, estudante de Dereito.

Hai ocasións nas que o compañeirismo se pon de manifesto e outras nas que gaña o individualismo. “Depende da finalidade, da acción”, pensa Ígor. Para debatilo, ensinámoslles esta noticia sobre o apoio entre o alumnado que se manifesta nas aulas. Na noticia exponse ao estudantado dunha clase ensinando o seu escote a un profesor. Esta protesta fíxose para defender a unha alumna que sufriu un comportamento machista na Facultade de Económicas da USC. “É un tema ao que lle damos moita importancia. Aínda que estea por debaixo o individualismo e as notas competitivas, ante un tema dese calibre mobilizámonos. Pero entre todos eses que ensinan o escote ao profesor contra o machismo, despois á hora de pasar os apuntes igual non o fan”, opina Antonio.

IMG_5265

Un dos elementos que constitúen un proceso de conexión entre o alumnado son as festas universitarias. Amosámoslle unha nova co seguinte titular: “Vecinos del Ensanche piden a los propietarios de pisos que expulsen a estudiantes por mal comportamiento” (La Voz de Galicia, 19 de febreiro de 2019). “En moitos edificios non só somos estudantes. Hai que compaxinar iso coas posibles familias que poidan vivir. Non sei se cabería a posibilidade de facer unha zona só para o botellón”, defende Nerea. Antonio coincide nese argumento e engade: “Nos pisos respétase cando unha compañeira ten clase ao día seguinte, polo que deberiamos respetar que haxa familias que traballan ao día seguinte”. O principal obxectivo que quixemos acadar, ademais de reflexionar sobre os danos sociais que pode causar o botellón, é profundizar nas súas causas. Segundo esta nova de La Voz de Galicia, a principal razón pola que existen tantos botellóns é a falta de policías locais en Santiago. Con todo, no noso círculo non están de acordo. “Ese non é o motivo, serán outros: o prezo do alcohol, que á xente lle gusta saír, un problema cultural e unha tendencia a querer emborracharse. Penso que a falta de policías non é un detonante da problemática que é o botellón”, explica Ígor.

Con este debate, voltamos aos problemas que existen nas relacións sociais entre a xuventude. Todos opinan que o alcohol é un elemento de relación social, mais ten aspectos negativos. Antonio cre que o botellón “provén dunha problemática social. É relación social pero partindo do efecto dunha droga”. Laura pensa o mesmo, e responde: “O problema da sociedade actual é que parece que é normal que todos saiamos a beber e a emborracharnos, e realmente non debería de ser o normal”.  A pesar disto, pensan que as festas universitarias axudan a establecer relacións. “Os grupos máis pechados son os que comparten máis ocio nocturno, é dicir, os grupos máis próximos de amigos e de amigas son cos que máis saes de noite”, afirma Ígor.

En conclusión, os membros do círculo coinciden en que entrar na universidade é un novo comezo. O estudantado establece relacións moi intensas en pouco tempo e ademais, existe tanta diversidade que é posible mudar certos valores. Están de acordo en que nas aulas se establecen as primeiras conexións, pero o ocio exterior é fundamental para afianzar esas relacións. Polo tanto, os estudos universitarios non só constitúen unha formación académica moi ampla, senón tamén un novo xeito de crear vínculos moi diversos e crecer como persoas.

A nosa acción

A nosa proposta para a acción, que servirá para dar visibilidade ao falado nos círculos, será unha galería de fotos. Estará conformada por imaxes que representen os bens relacionais: unha parella da man, amigos falando ou un grupo de xente nun bar. Tamén poderemos empregar as manifestacións do 8M para visibilizar que a xente se apoia en momentos de dificultades.

Ademais, pensamos que nas fotografías sería interesante engadir símbolos, nomes de establecementos ou rúas que poidan simbolizar os diferentes tipos de relacións (As Marías, o Monumento do Monte do Gozo…). Esta galería será subida a unha plataforma e será repartida pola cidade en forma de carteis, acompañada por unha explicación do seu significado e do que representan. Esta actividade, realizada polos membros do grupo e polos participantes dos círculos, tentará fomentar todos estes vínculos xurdidos en Compostela.

Participaron nesta conversa:

  • Ígor Mella Núñez, bolseiro de pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC
  • Nerea González Martínez, estudante de Filoloxía Hispánica
  • Laura Rubio Franco, estudante de dereito
  • Antonio Villasenín Veiras, estudante de Maxisterio

Ligazóns:

6 comentarios en “A universidade en Santiago: compañeirismo e novas relacións

  1. SOUTO IGLESIAS

    Se ben o botellón é unha práctica moi habitual e asimilada no mundo universitario, tamén se realiza en idades inferiores e en estudantes non universitarios. En Santiago non está tan estendido entre estes porque non se pode beber na rúa e moitos tampouco dispoñen de pisos onde facelo. Non obstante, noutras cidades como en A Coruña é habitual velos. A diferenza é clara, a maioría de idade e o non vivir na casa cos pais provoca que os universitarios se volvan donos dos seus actos. Pero no caso dos menores de 18 anos é diferente.

    Existe unha falta de conciencia, de responsabilidade. Prima evitar que os seus pais se decaten de que beberon, en lugar de atender a alguén que non está ben. Como comentan os universitarios do círculo, é unha problemática social, pero vólvese máis acusada cando se trata de persoas menores de idade.

    LIGAZÓNS:
    Elías, C. (26 de febreiro de 2019). ¿Qué preocupa a los adolescentes? La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/mugardos/2019/02/26/preocupa-adolescentes/0003_201902F26C9991.htm

    López, A. (5 de agosto de 2018). El primer botellón de las “peñas” termina con seis menores con intoxicación etílica y 14 jóvenes atendidos por agresiones. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2018/08/05/primer-botellon-penas-termina-saldo/1940280.html

    Mouzo, E. (1 de marzo de 2019). El botellón volvió a los jardines de Méndez Núñez y dejó mil kilos de residuos. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2019/03/01/botellon-volvio-jardines-mendez-nunez-dejo-mil-kilos-residuos/00031551447128035275148.htm

    Gústame

    1. QUINTILLÁN POZA

      Na universidade, a mocidade está en constante evolución e vive inmersa nas relacións sociais. É certo que o botellón é unha forma moi usual de establecer vínculos, pero ten moitos aspectos negativos que deben ser valorados. Como dis, os mozos e mozas que realizan estas festas adoitan ser maiores de idade. A liberdade da que dispoñen ao vivir fóra de casa facilítalles realizar estas prácticas. É necesario que sexan donos dos seus actos para evitar causar danos externos.

      No tocante aos menores, non son propietarios dos pisos nos que se realizan os botellóns, pero poden estar convidados a eles ou incluso beber nas portas dos locais. A mocidade nova é a máis influenciable, polo que é precisa a concienciación sobre os perigos físicos e psicolóxicos do alcohol. Para logralo, a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade propoñen un plan para reducir o consumo de alcohol entre os menores. Un dos obxectivos é atrasar a idade de inicio do consumo de bebidas alcohólicas. Por outra banda, intentarase que o alumnado sexa capaz de dicir “non” ao alcohol, especialmente cando existe unha presión de grupo.

      Queda moito por facer, pero a base está na educación. Formar á xuventude dun xeito que sexan capaces de razoar e distinguir o que é prexudicial do que non, tendo en conta as consecuencias das súas decisións a curto e longo prazo.

      Ligazóns:

      Beceiro, J. (20 de xaneiro de 2018). Desesperación vecinal por los ruidosos ‘botellones caseros’. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/desesperacion-vecinal-ruidosos-botellones-caseros/idEdicion-2019-01-20/idNoticia-1160147

      Calveiro, P. (13 de outubro de 2018). Botellón a la puerta de los locales nocturnos. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2018/10/13/botellon-puerta-locales-nocturnos/0003_201810S13C3991.htm

      Galego, I. (13 de marzo de 2019). Se pone en marcha un programa para retrasar la edad de inicio en el consumo de alcohol. La Hora Digital. Recuperado de: https://lahoradigital.com/noticia/19580/sanidad/se-pone-en-marcha-un-programa-para-retrasar-la-edad-de-inicio-en-el-consumo-de-alcohol.html

      Gústame

      1. SOUTO IGLESIAS

        A necesidade de botellón xorde moito antes de chegar á universidade e debe comezar a tratarse dende ese momento. Nos niveis máis baixos do ensino necesítase cambiar esta situación, como ven dicías con medidas como a da Consellería de Sanidade.

        Os veciños do Ensanche continúan queixándose da situación que viven ao atopar as rúas cheas de restos do botellón. Do mesmo xeito, saben que acabar co botellón na rúa significa que se traslade aos pisos, polo que as asociacións veciñais deben actuar. Non obstante, o Concello de Santiago parece frear este alarmismo e apunta que as denuncias por consumo de alcohol na rúa son a metade que hai 5 anos e que cada vez son menos os avisos que chegan de veciños.

        Como comentaban na reunión, estase a normalizar unha actividade que non é normal. Xa non só polos problemas que poida traer aos veciños, senón polos problemas de saúde que pode producir nos universitarios que semana tras semana consumen bebidas alcohólicas.

        LIGAZÓNS:

        Calveiro, P. (16 de outubro de 2018). Raxoi dice que los casos de botellón a la puerta de pubs son “puntuais”. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/10/16/raxoi-dice-casos-botellon-puerta-pubs-span-langglpuntuaisspan/0003_201810S16C1995.htm

        Redacción. (25 de xaneiro de 2019). Suman fuerzas para acabar con el botellón, que resurge en el Ensanche. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/suman-fuerzas-acabar-botellon-resurge-ensache/idEdicion-2019-01-25/idNoticia-1161246

        Gústame

        1. QUINTILLÁN POZA

          Como ben dis, os veciños do Ensanche son testemuñas dos ruídos que cada xoves se producen nas rúas onde residen. Alfredo Brañas é unha das máis conflitivas, ao atoparse nela un dos locais máis frecuentado pola mocidade. Os veciños destacaban a falta de atención por parte do Concello e da Policía, que non actuaba en consideración a estes casos.

          Debido ás protestas, o Concello impulsou un un control das persoas que se atopen nesta rúa para realizar o botellón. É fundamental establecer unha vixilancia nas rúas máis problemáticas para os veciños, porque ademais estableceríanse medidas legais para o estudantado.

          Por outra banda, xa falabamos antes do crecente consumo de alcohol por parte dos menores. En Galicia, uns 10.000 menores de idade realizan un consumo de risco de bebidas alcohólicas. Por este motivo, o Ministerio de Sanidade impulsou unha medida pola cal os pais dos menores que beban alcohol ou realicen botellóns deberán pagar unha multa. É preciso que os pais sexan conscientes da realidade que viven os seus fillos, pois en ocasións existe unha falta de coñecemento. Ademais, deben advertirlles aos mozos e mozas os perigos que supón o consumo destas substancias. Neste caso, a educación sobre o consumo do alcohol tamén se aplica aos maiores da familia. Recibir educación para saber educar é algo imprescindible.

          Ligazóns:

          Mosteiro, M. (10 de xaneiro de 2019). Los vecinos de Alfredo Brañas estallan contra el ruido, el botellón y la inseguridad. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2019/01/09/vecinos-alfredo-branas-estallan-contra-ruido-botellon-inseguridad/00031547040711951485648.htm

          Mosteiro, M. (13 de xaneiro de 2019). La policía cerrará Alfredo Brañas para identificar a los jóvenes que beben en la calle. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/01/12/policia-cerrara-alfredo-branas-identificar-jovenes-beben-calle/0003_201901S12C1995.htm

          Redacción. (19 de abril de 2018). Galicia ya hace pagar a los padres las multas a menores por beber alcohol. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2018/04/19/galicia-responsabiliza-padres-multas-menores-beber-alcohol/0003_201804G19P24993.htm

          Gústame

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.