GARCÍA FERNÁNDEZ
O grupo de Muller e Comunicación acordou como acción final facer un reparto de globos. O obxectivo era facer chegar á cidade de Compostela o traballo que realizamos ao longo destes catro meses coas nosas colaboradoras do círculo. Fixemos reunións nas que tratamos as diferentes problemáticas ás que se enfrontan, tanto as mulleres nos medios de comunicación coma as propias mulleres xornalistas no seu ámbito de traballo.
A acción consistiu na montaxe de 129 globos de cor morada dos cales penduramos tarxetas con frases escritas polas nosas colaboradoras. Frases que amosan conclusións e reflexións das nosas integrantes despois de participar nas diferentes reunións realizadas. Os 129 globos representan ás 129 mulleres que faleceron no incendio da fábrica Cotton Textile, en Nova Iorque, no ano 1908, feito que deu orixe ao Día Internacional da Muller.
Os globos foron repartidos por puntos estratéxicos da cidade o pasado 11 de abril. Estivemos repartindo, xunto con algunhas das nosas colaboradoras, na Praza do Obradoiro, na Praza Roxa e na Alameda, entre outros lugares.
Con esta acción buscouse dar a coñecer á cidadanía de Santiago o traballo realizado polo noso grupo dende o Observatorio Cidadán de Comunicación e, a un tempo, animar ás persoas a participar no Observatorio e estar pendentes do traballo que se fai dende el.
Fotografía de portada: Ánxela Jorge
Un comentario en “Filtro morado e reivindicativo en Compostela”