S3A
Cada día está máis presente a palabra “eco” nos produtos que mercamos, pero… que ten de ecolóxico un aguacate cultivado de forma responsable en Perú que é consumido aquí, a miles de quilómetros? A produción pode ser ecolóxica, pero o feito de transportalo afástase un pouco da idea.
Deste xeito entendemos por produto ecolóxico aquel que foi cultivado respectando os ciclos da natureza, sen pesticidas químicos nin fertilizantes sintéticos, fomentando especies locais e sen empregar antibióticos ou hormonas no caso dos animais.
A poucos metros do casco vello de Santiago de Compostela, no Parque de Belvís, ten lugar tódalas tardes dos martes o Mercado Entre Lusco e Fusco. Trátase dun mercado agroecolóxico de produtos locais e de comercio xusto. Alí, Anabel Varela vende o seu pan feito a partir de sementes ancestrais, coma o trigo cabeiro, e moído nun muíño de pedra.
Cóntanos que, detrás do seu negocio, hai dúas motivacións: “unha, por nutrición xa que os pans integrais de graos ancestrais teñen menos glute, son máis nutritivos, consérvanse moito máis… Son saudábeis. E, por outro lado, hai unha cuestión política. Plantamos trigo cabeiro porque é unha especie de trigo galego que se está perdendo, e queremos conservalo”.
Maureen, que ten un posto tamén en Entre Lusco e Fusco onde vende a marmelada de framboesa e falafel, todo producido sen sulfatos nin químicos, bota en falla máis oferta ecolóxica e responsable na cidade. “Levo 34 anos en España e 28 deles en Galicia e era súper difícil e segue sendo difícil atopar cousas vexetarianas, veganas; a xente está cada día máis concienciada de non tirar lixo ao río ou ao monte pero aquí hai un abismo”, comenta.
Unha destas escasas tendas de Compostela con este tipo de oferta é a Cesta da Compra, na rúa Ramón Cabanillas, onde Xosé Manuel Durán comentaba como a súa clientela habitual responde ás seguintes características: “muller principalmente, porque son as que máis se preocupan pola saúde. O seu nivel de formación adoita ser medio-alto e o nivel adquisitivo tamén medio-alto. Tamén me chama a atención que moitos clientes son labregos que veñen buscar o que eles non producen”.
Mariña Rodríguez é unha das súas clientas, unha estudante de 20 anos que reside en Compostela durante o ano académico. A súa concienciación vén de “ver a realidade e ver as consecuencias que ten, por exemplo, gastar plástico de máis ou mercar en multinacionais. Eu fun á Escola de Voluntariado de Manos Unidas no verán, onde me falaron sobre o coidado do medio ambiente e aprendín moito. E, por outro lado, os meus pais, dende pequena, inculcáronme sempre o consumo responsable”.
Blanca Pérez, estudante de 19 anos, por outro lado, concienciouse progresivamente a través de internet: “Para min foron as redes sociais, tanto seguir páxinas de instagram como ver moitos datos en Twitter. E hai documentais que están moi ben. Tamén por seguir a referentes nisto como Greta Thunberg coa que podes empatizar, porque se para unha nena é fácil, por que para ti non vai selo? Pensas que se sendo persoas normais, porque as ves como ves ao resto, o teñen fácil, por que ti non. E efectivamente así foi”.
A través dunha forma máis tradicional, Rocío Martínez, de 27 anos, ten á súa familia como referente: “miña avoa e boa parte da miña familia, mercan na praza de Abastos e consomen produtos de proximidade e mercado local, levan os zapatos a arranxar ao zapateiro e mercan roupa só cando é preciso. Dalgún xeito sempre tiven eses exemplos aí, mais, supoño que non fun realmente consciente da importancia do consumo responsable ata que vin estudar a Compostela”.
Independentemente da forma na que estas mozas se concienciaron todas chegan ao mesmo punto: o consumo responsable. Tratan de consumir produtos de quilómetro cero e locais, co obxectivo de coñecer en todo momento a procedencia e o tratamento daquilo que compón a súa cesta da compra.
Pero cando falamos de concienciación nesta materia, non só falamos de controlar o que comemos, senón tamén como xestionamos o que comemos e o que non comemos. “Fai unhas semanas fixen un pastel cunhas mazás que estaban a piques de estragarse. Antes de tirar a comida, debemos buscar alternativas cos alimentos que nos sobra”, relata Mariña Rodríguez.
“DEBEMOS BUSCAR ALTERNATIVAS AOS ALIMENTOS QUE NOS SOBRAN”
– Mariña Rodríguez
Coa produción, pasa o mesmo. No mercado de Entre Lusco e Fusco esta realidade está moi presente: “Ou o consumimos ou llo damos aos nosos compañeiros. Á do queixo sobráronlle grelos e deumos, e eu téñolle dado empanadillas noutras ocasións. Non adoita quedar moito pero non se tira nada”, coméntannos María, do posto María Cereza, outra produtora do mercado ecolóxico de Belvís. “O chulo é que estableces unha relación coa xente moi cordial. Teñen o meu teléfono, pregúntanme sobre que vou traer. Se sobra ou mo quedo eu, ou repartimos entre os compañeiros e facemos trocos”, asevera Anabel Varela, afirmando o que di a súa compañeira.
Porén, a realidade demostra que a regra é outra. Segundo apunta a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura, un consumidor de Europa ou de Norte América tira de media máis de 100 quilos de alimentos ao ano.
E é que o gran sistema de produción e distribución, presente ao longo e ancho dos territorios, leva a que se produzan cantidades desmesuradas de produtos para incitar ao consumo. E todo isto débese, segundo nos comenta Óscar Rodil, doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor nesta mesma, “a que as empresas buscan maximizar os seus beneficios”.
Sinala que esta é a razón pola que “producen de forma egoísta unha gran cantidade de produtos, provocando unha sobreprodución (recomendamos esta publicación ao respecto feita polo ODS de Fame Cero), que se manifesta en produtos sen vender, excedentes, etc.” que se acaban sempre tirando. E isto ocorre neste sistema hexemónico e maioritario presente nas multinacionais e grandes superficies, mais non na produción ecolóxica e de quilómetro 0 que vemos no caso do mercado Entre Lusco e Fusco.
Comenta Rodil que a sobreprodución (é dicir, a produción por riba das necesidades da poboación) ten uns efectos moi nocivos para o medio ambiente, porque a produción pasa necesariamente polo uso de recursos. Moitos deses, “non se empregan de xeito racional”. Apunta o especialista que isto ocorre coa madeira: “temos un consumo excesivo de madeira e se esta non se vai renovando, é dicir, se non repoboamos os montes, entramos nun problema de deforestación”.
“OS RECURSOS NON SE EMPREGAN DE XEITO RACIONAL”
– Óscar Rodil
A situación agrávase cos recursos non renovables, dos que “aceleramos o esgotamento”, recalca. Ademais de que, para levar a cabo o proceso produtivo “consumimos enerxía e iso deriva na contaminación e degradación medioambiental”, e esta é “superior á que realmente se debería ter producido de ter atendido exactamente ás necesidades específicas de cada momento” sen producir de máis.
Esta situación de sobreprodución lévanos, como diciamos, a xerar moitos desperdicios. Tan só reducindo unha cuarta parte destes excedentes mundiais podería alimentarse a 870 millóns de persoas, unha cifra que é maior á poboación que padece de subalimentación. Na Unión Europea, o 17% das emisións directas de gases de efecto invernadoiro provén precisamente destes desperdicios.
Porén, as políticas comunitarias da UE non están solventando este problema. Non potencian a produción responsable nin a produción e consumo local como alternativa para que a problemática do excedente e dos gases non ocorra, se non máis ben o contrario, como comenta Lidia Senra, ex-deputada no Parlamento Europeo e integrante do Sindicato Labrego Galego.
Así, outro planeta Terra, ou incluso máis, é o que necesitariamos hoxe para manter o ritmo de produción e consumo actual. É o que nos din os datos da Global Footprint Network, cifra que aumentaría a tres planetas se todos consumiran do mesmo xeito que España. O sistema de produción e distribución incita ao consumo e á produción de cantidades desmesuradas, ata o punto que, segundo a Food and Agriculture Organization of the United Nations (FAO), o 28% da superficie agrícola do mundo emprégase para producir alimentos que van a ser desbotados.
Como vemos, a sobreprodución é o sistema no que vivimos. Non obstante existen alternativas reais na produción ecolóxica pero que precisan da concienciación e coñecemento por parte da poboación, un traballo necesario sobre todo para o coidado do noso entorno, da nosa saúde e tamén da nosa economía.
Paula Pérez Cantelar (difusora; entrevistas a Óscar Rodil, Lidia Senra, produtoras de Lusco Fusco e Blanca Pérez; redacción), Iria Ramos Mesía (responsable de actividades; entrevista Óscar Rodil, Lidia Senra e Xosé Manuel Durán); Martín Rei Leis (editor; entrevista Óscar Rodil, produtoras de Lusco Fusco, Xosé Manuel Durán e Rocío Martínez; documentación), Uxía Sánchez Lorda (coordinadora; entrevista Óscar Rodil e Mariña Rodríguez; documentación; redacción), Iria Tojo Aldariz (editora; entrevista Óscar Rodil; documentación; redacción).
Fontes documentais empregadas:
- Jocelyn Soto. (2020, 30 de abril). ¿Qué es el consumo responsable y por qué debería importarte? Greenpeace Mexico.
https://www.greenpeace.org/mexico/blog/8326/que-es-el-consumo-responsable-y-por-que-deberia-importarte/
Un trabajo impresionante, es un post muy completo. Se nota que hay una labor conjunta bastante coral. Me impresiona el enfoque en favor de la visibilidad sobre la apuesta por productos ecológicos y de ámbito local. Por otra parte, algo tan necesario que no debe pasar desapercibido. Asimismo, las alternativas de consumición con los productos que resultan ser sobrantes es fascinante. Estos pequeños actos reflejados deben ser la base de la sociedad para una búsqueda activa de mejoras en los modos de consumición.
¡Enhorabuena!
GústameGústame
Moitas grazas pola valoración!
GústameGústame