Belén Puñal: “Os círculos de lectura crítica foron unha metodoloxía que aprendemos do OCC da Universidade de Santiago”

ABELENDA LADO

Ana Belén Puñal Rama visitou o pasado xoves 21 de marzo a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC para presentar unha charla sobre a súa labor na UNEMI (Universidad Estatal de Milagro), en Ecuador, e no seu Observatorio de Comunicación Ciudadana. Aproveitando a súa visita, dende o noso observatorio decidimos facerlle unha entrevista.

IMG_9241xdd
Belén Puñal na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Foto: Sara Gil Méndez

OCC: Como naceu o observatorio que dirixes na Universidade Estatal de Milagro?

Belen Puñal: O Observatorio de Comunicación Ciudadana da Universidad Estatal de Milagro naceu 2015. O primeiro acto que tivo lugar dende o observatorio foi con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Precisamente esa é unha das liñas de actuación fundamentais do observatorio: todo o relacionado coa denuncia do sexismo, a violencia machista e tamén con actitudes sexistas que están presentes nos medios de comunicación.

OCC: O Observatorio funciona con diferentes iniciativas e tamén por medio de círculos de lectura crítica, non é así?

BP: Si. Os círculos son unha das metodoloxías que vimos utilizando dende o observatorio. É unha metodoloxía que aprendemos, precisamente, do Observatorio Cidadán de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. É unha metodoloxía que resulta moi interesante polo nivel de implicación e participación da comunidade, é dicir, pola importancia que se lle dá á comunicación participativa. Esta práctica axúdanos a que a propia cidadanía participe da observación crítica dos medios.

OCC: En relación, como ves o tratamento que fan de temas como a violencia machista? Poderías facer unha comparativa cos medios de aquí cos de Ecuador?

BP: Hai un problema fundamental, tanto nos medios de aquí coma nos de Ecuador na concepción da violencia de xénero. Enténdese que a violencia de xénero é un suceso, e aí está o problema de partida. A violencia de xénero non é un suceso, non é algo puntual que lle ocorre a unha muller por mala sorte, senón que é un problema social e político cunha causalidade de fondo. Dende ese compromiso habería que informar sobre violencia de xénero. En Ecuador hai ademais un problema de sensacionalismo moi importante co tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación. Un exemplo dunha portada que foi publicada nun dos xornais máis sensacionalistas do país, Extra, que abría co titular “20 puñaladas de amor”, incidindo no estereotipo de crime pasional. Este estereotipo está máis presente e explícito en Ecuador que en España.

extra
Portada do diario sensacionalista Extra do 13 de decembro de 2018

OCC: Que tipo de boas prácticas recomendades desde o voso observatorio para o tratamento destes temas?

BP: As prácticas para mellorar o tratamento da violencia de xénero véñense recollendo en guías e manuais que se fixeron en colexios de xornalistas, observatorios, asociacións e colectivos cidadáns. Practicamente todos eles coinciden en que hai que evitar tratar a violencia de xénero como un suceso, abordala coa conciencia do problema político e social que é. Hai que ter en conta que nace dunha estrutura patriarcal. Evitar a culpabilización da vítima e a xustificación do agresor, acudir a fontes expertas, do tecido asociativo. Evitar tamén a violencia simbólica. É dicir, os medios de comunicación son medios transmisores de violencia simbólica. Dende o momento en que a maioría dos protagonistas son masculinos e só ao redor do 20% son mulleres hai un problema de invisibilización e tamén de estereotipación fronte aos roles que ocupan e se lle adxudican ás mulleres. Tamén hai un problema no que respecta á linguaxe machista; hai que eliminar a violencia simbólica, combatela.

OCC: Sobre estas recomendacións, como reaccionan os xornalistas e medios aos que lles ofrecedes estas formas de corrixir esas prácticas machistas?

BP: Hai un contexto diferente en España e en Ecuador. En España, nos últimos dous anos está habendo un nivel de mobilización e concienciación moi importante por parte das mulleres xornalistas, que están a facer un traballo moi destacado. Nese sentido, talvez haxa maior apertura. Entra dentro do politicamente correcto porque non resulta un discurso alleo aos medios aquí. Outra cousa moi diferente é que asimilen ese discurso. En Ecuador, por parte dos medios de comunicación hai unha reacción importante a ese tipo de discurso, sobre todo desde a experiencia que eu teño nunha cidade como Milagro. Non se aceptan ben as críticas con respecto ao traballo que se fai nos medios de comunicación, tampouco con respecto ao discurso sexista que pode estar subxacente nos medios.

OCC: En España temos o caso de LaSexta, que leva varios anos cunha tendencia de denuncia do machismo e dando cobertura á temática feminista. Cres que é unha iniciativa seria e comprometida por parte da empresa ou é unha estratexia para gañar audiencia e imaxe de cara ao público?

BP: Non me podo pronunciar porque levo xa catro anos fóra de España e non estou en condicións de opinar sobre o contexto español. O que si podo dicir, e non sei se é o caso de LaSexta, é que hai unha utilización interesada do discurso feminista con finalidades de carácter comercial. Pódese ver, por exemplo, no discurso da publicidade, que asimila certas mensaxes do discurso feminista para ter un maior calado entre a poboación feminina. Non é un discurso de cambio, senón máis ben interesado.

OCC: En Ecuador existe algún medio que estea a facer unha iniciativa parecida ao que defendedes no observatorio ou son máis reaccionarios?

BP: Medios masivos non. Si existen medios alternativos, sobre todo no ámbito de Internet. Existen medios como La Barra Espaciadora ou Guayaquil City que si teñen un discurso máis crítico e que si lle están dando unha gran entrada á defensa dos dereitos das mulleres e ao discurso feminista. Pero claro, son medios alternativos que chegan a moitísima menos xente.

OCC: Na sociedade universitaria parece que si calou a vosa mensaxe, pero, e nos medios?

BP: Sería difícil de valorar. Sempre calla, no sentido de que, cando menos, atópanse cun discurso crítico que os cuestiona e que, dalgunha maneira, invítaos a reflexionar e a cuestionarse aspectos que ao mellor non reflexionaran porque os consideraban o xeito natural de actuar. Pero é pronto para facer unha valoración nese sentido. Aparte, hai unha reacción forte ao traballo do observatorio. Penso que debemos esperar a que pase ese momento de reacción e que o discurso, pouco a pouco, se vaia asentando. Ten en conta que é un traballo non inmediato, senón máis ben de cara ao futuro, de ir poñendo unhas sementes. Moitas das persoas que formamos o observatorio somos profesoras e profesores que estamos ensinando a futuros xornalistas. Digamos que é un traballo máis de “a futuro”.

OCC: O Observatorio é unha boa ferramenta para formar xornalistas?

BP: Efectivamente, nas aulas temos un espazo para o debate, para unha reflexión pousada. As aulas permiten un contacto diario cos alumnos e as alumnas. Este tipo de discursos críticos e alternativos aos valores que neste contexto son hexemónicos necesitan tempo para calar. As aulas danche ese espazo para que pingueira a pingueira vaia calando ese discurso.

OCC: Que baremos e que aspectos analizades dos medios?

BP: De momento estivemos moi centradas en analizar o sexismo, o tratamento da violencia de xénero e das traballadoras sexuais nos medios de comunicación. Esa foi a nosa vía de actuación principal. Ata o momento enfocadas neses aspectos á hora de elaborar análises e informes, o traballo de investigación académica. Logo, no traballo de denuncia do día a día facemos unha crítica aos medios en todos os sentidos. En Ecuador hai problemas importantes que afectan aos medios de comunicación que teñen que ver co uso do morbo, do sensacionalismo e do amarelismo para conseguir máis vendas. Tamén un problema de formación importante por parte dos “eduxornalistas”. Hai outro problema de influencia de grupos empresariais, que condicionan o traballo dos medios de comunicación, que ao final se converten en voceiros dos intereses das empresas privadas que hai detrás. Hai un problema tamén na construción do relato e a propia concepción do xornalismo dende unha perspectiva de investigación e de contraste de fontes. En realidade son moitos aspectos cos que hai que traballar no día a día a través da denuncia no blogue e nas redes sociais.

OCC: Unha última pregunta, cales foron as iniciativas do observatorio que máis impacto causaron na comunidade universitaria?

BP: Todo o traballo feito en violencia de xénero tivo moito impacto, de aí que xurdiran as reaccións a ese traballo. A iniciativa de convidar á comunidade universitaria a dar os seus testemuños a través das urnas tamén foi unha das iniciativas, para min, máis importantes. A realización dun manual participativo para o tratamento da violencia de xénero foi outra das accións máis destacadas. Outra das actividades foi a denuncia do día a día a través das redes sociais e do blogue do traballo dos medios de comunicación.

Un comentario en “Belén Puñal: “Os círculos de lectura crítica foron unha metodoloxía que aprendemos do OCC da Universidade de Santiago”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.