O camiño da aceptación do colectivo

DEUS GARCÍA 

Libraría Couceiro

As condutas homófobas e tránsfobas están moi presentes na nosa sociedade, alimentadas moitas veces polos estereotipos e a falta de educación. Son comportamentos completamente normalizados e dos que moitas veces somos partícipes sen darnos nin sequera conta.

Estes comportamentos aparecen reflectidos no noso día a día en campañas publicitarias, películas, prensa e mesmo na administración. Como vemos nesta noticia de La Voz de Galicia publicada o 25 de marzo de 2019, as persoas trans seguen tendo dificultades cos procesos administrativos. Xabier Caruncho, membro de ARELAS, alármase polo tratamento que lle dan á transexualidade:  “O de naceu nun corpo de home non é correcto, as persoas trans non nacen nun corpo equivocado, simplemente teñen unha identidade que non coincide co sexo xenético, se lle queremos chamar así. Pero non é un corpo equivocado”. Pola súa parte Anxo Núñez, membro do BNG de Outes, móstrase positivo ante a inclusión de persoas do colectivo nos partidos políticos: “Valoro moi positivamente que os partidos aposten por incluír a xente diversa nas listas, que representen aos diferentes colectivos, que sexan máis representativos da sociedade real”. Porén Isabel Quintairos, ex-xornalista da COPE, discrepa: “Na miña opinión, cando un partido político leva, ademais nun posto destacado, a un señor inmigrante, de cor, gay ou a unha señora trans, eu sempre teño a sensación de que está botando un gancho. Realmente non me creo nada”. É importante que os membros do colectivo tomen parte na vida política, como di Anxo: “O ideal é que a xente dos colectivos se involucre non só no activismo senón tamén na política. No activismo fas moito pero na política tamén podes facer moito, e son cousas totalmente compatibles e que necesitan unha representación”.

España ocupa o posto número 3 de 141 no ranking de países LGTBFriendly, pero a pesar disto segue facendo falta visibilizar ao colectivo e normalizalo. Ian Gundín, estudante de Filosofía, opina: “Non chega con ser o terceiro país de 114, nin sequera chega vendo a situación real, somos o terceiro país pero non se ve o respecto que debería de verse. Alégrame ver que a xente non é conformista, que segue loitando”. Desde as redes sociais a campaña #MeQueer recolle as testemuñas de diferentes persoas de todo o mundo nun intento de visbilizar ao colectivo, como vén recollido neste artigo de La Voz de Galicia publicado o 28 de agosto de 2018. A Cinthia Ermitas, membro de Avante LGBT, preocúpalle o chamado activismo de sofá: “A xente non se moviliza xa, salvo en datas puntuais só hai un activismo desde Instagram e Twitter. Hai que saír a rúa. Falta práctica, levalo á pedagoxía de todos os días”. Isabel Quintairos non está de acordo con Cinthia e ve importante ser visible nas redes: “Penso que no primeiro orgullo de Madrid foron 25 persoas, e agora… Calquera cousa que se faga para visibilizar a alguén, véxoo ben”.

DSC03402
De esquerda a dereita: Ian, Anxo e Xabier

A visibilización é necesaria en todos os ámbitos, por iso este ano estreouse a primeira película en galego con protagonistas gays, Nove de Novembro, dirixida por Lázaro Louzao, ao cal se lle fixo unha entrevista en La Opinión de A Coruña o pasado 25 de marzo de 2018. “Hai moitas maneiras de facer activismo, e non só se fai desde unha asociación, un partido político ou unha manifestación, o activismo faise tamén desde o eido profesional”, opina Anxo Núñez. Ian pola súa parte non cre que estas películas teñan éxito: “As películas que venden non teñen nada que ver coas películas que teñen un contido reivindicativo. Dise moito ai, que película tan interesante, mais non imos vela”. Falando da película americana Con amor, Simonque conta unha historia de amor homosexual, Anxo comenta: “O simple feito de normalizar, de levalo a un tema normal, é dicir, facer o mesmo que fas cunha parella hetero-normativa, pois facelo cunha parella homosexual, é moi importante. Ten que haber normalización en todos os eidos”. Cinthia cre que o problema aquí é a falta de inclusión de actores ou directores do colectivo: “En que momento hai personaxes LGTB reais detrás do filme? O que a min me interesa é: ti estás visibilizando pero non lle estás dando ningún tipo de oportunidade ás persoas que seguen sendo discriminadas”. A Isabel Quintairos preocúpalle a espectacularización deste tipo de películas: “Sería interesante tamén que a xente quixese consumir este tipo de contidos por interese na película, non pola simple curiosidade de ai! Saen gais, a ver que fan! A ver, somos unha parella normal”.

Esta espectacularización e estereotipación tamén a podemos ver nos espazos publicitarios, onde as marcas aproveitan a diversidade nos seus anuncios para vender un produto a un novo target creando spots coma este da aplicación Tinder. Os membros do círculo cren que nas aplicacións para ligar como poden ser Tinder ou Grindr hai un gran compoñente de discriminación. Cinthia comenta: “En aplicacións como Grindr hai unha misoxinia horrorosa, plumofobia […]. Hai xente que pon só homes de verdade referíndose aos trans”. Todos os membros coinciden nunha afirmación: dentro do colectivo segue a haber discriminación e conflitos que non permiten avanzar e, sumados aos esterotipos da sociedade, complican a consolidación e aceptación do colectivo. A visión que dá este anuncio reforza os prototipos consolidados mostrando personaxes extravagantes e con música dramática de fondo. Isabel Quintairos comenta: “Unha persoa da miña contorna que non se mete nestes asuntos ve rara a esta xente, por que temos que ser así?”. Ao que Xabier, nunha busca de reflexión, responde: “E por que non?”

 

Acción

A acción consistirá na realización de 30 carteis nos que se recollerán as conclusións máis destacables de cada membro do círculo durante o proceso de traballo. As declaracións tratarán, polo tanto, sobre as temáticas que tratamos nos círculos: tratamento informativo, estereotipos, linguaxe inclusiva, activismo, etc.

A idea consiste en que os membros do grupo de traballo e do círculo peguen estes carteis en distintos lugares de Santiago de Compostela: colexios, bibliotecas, librarías…

Para pechar a acción, temos a idea de facer unha charla nun instituto e na Facultade de Educación Social. Alí presentaremos o traballo dos últimos meses, as conclusións ás que chegamos e os carteis que deseñamos.

Conversaron connosco:

  • Xabier Caruncho, membro da Asociación ARELAS.
  • Cinthia Ermitas, membro de Avante LGBT.
  • Ian Gundín, estudante de Filosofía.
  • Anxo Núñez, membro do BNG de Outes.
  • Isabel Quintairos, ex-xornalista da COPE.

Ligazóns

Barral, S. (25 de marzo de 2019). Ada Otero: “Ya no me afecta que me miren. Ahora les sostengo la mirada”. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/elecciones/2019/03/25/ada-otero-me-afecta-me-miren-sostengo-mirada/00031553538627195775913.htm

S.A. (28 de agosto de 2018). #MeQueer, el nuevo movimiento contra la discriminación a la comunidad LGTBI. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2018/08/28/mequeer-nuevo-movimiento-contra-discriminacion-comunidad-lgtbi/00031535440235378154952.htm

Pardo, A. (25 de marzo de 2018). “Hay muchos temas que aún no se han tocado en la cinematografía gallega”. La Opinión A Coruña. Recuperado de: https://ocio.laopinioncoruna.es/agenda/noticias/nws-653110-hay-muchos-temas-aun-han-tocado-cinematografia-gallega.html

6 comentarios en “O camiño da aceptación do colectivo

  1. MAGIDE PÁSARO

    Efectivamente, a educación é algo fundamental, o piar básico que se falla, falla todo. Pero non é o único, nin podemos atribuír que eses comportamentos estean en non só á sociedade na que vivimos, porque é tamén responsabilidade nosa ser conscientes do que facemos e loitar por deconstruírnos. O ranking LGTBfriendly deberíase chamar logo ranking “less Lgtb unfriendly”? Porque por moito que España ocupe o posto número tres, todos podemos observar no noso día a día que queda aínda moito por facer.

    A parte da educación, hai máis ámbitos nos que se debe de acadar a igualdade, e gustaríame centrarme neste caso nun deles: o do fútbol e as dificultades que teñen os e as futbolistas para vivir a súa condición sexual libremente. O dianteiro francés Giroud, conciencidado coa causa LGTBI pronunciaba frases coma esta o ano pasado: “É imposible declararse homosexual no fútbol”. Parece que os prexuízos aos que calquera persoa do colectivo se poida expoñer, son maiores aínda neste deporte. Porén, cada vez son máis as iniciativas e persoas que suman a prol da normalización:

    Faro de Vigo (27 de febreiro de 2016). La UD Ourense apoya la campaña contra la homofobia en el fútbol. Faro de Vigo. Recuperado de:
    https://www.farodevigo.es/deportes/ourense/2016/02/27/ud-ourense-apoya-campana-homofobia/1412705.html

    AFP (10 de agosto de 2017). Un árbitro inglés revela su homosexualidad para luchar contra la homofobia. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deportes/2017/08/10/arbitro-ingles-revela-homsexualidad-luchar-contra-homofobia/00031502377214091892851.htm

    Gústame

    1. CASTRO FRANCO

      Limitar a representación da realidade a un par de cifras, desde o meu punto de vista, é algo absurdo, pois os números, as enquisas, as estadísticas, por moi fiables que sexan nunca van poder reflectir o que ocorre realmente. Así que, dalgún xeito, concordo coa túa opinión, e tamén coa opinión expresada por algúns dos membros do noso círculo no post: que España ocupe o terceiro lugar nese ranking non di absolutamente nada. De feito, só no ano 2017 rexistráronse máis de 600 agresións a persoas do colectivo LGTBI polo mero feito de selo, e esas son só as que foron denunciadas, pois case un 80% deste tipo de delitos non son levados á comisaría. Esta información vén recollida nun informe elaborado polo Observatorio contra os Delitos de Odio, que ademais tamén establece que en máis dun terzo dos casos os agresores pertencen á contorna da vítima, o que nos indica, de novo, que a lgtbofobia está máis que arraigada na nosa sociedade do que parece.

      En relación ao tema do fútbol que ti mencionas, non é nada novo saber que a homofobia en particular e a lgtbfobia en xeral están máis que presentes. En realidade, eu atreveríame a dicir que isto pasa en case todas as modalidades deportivas – sobre todo naquelas que son consideradas “masculinas” – mais o caso do fútbol, ao ser o deporte rei e ter tantísima influencia na vida dos máis novos, é máis importante. Un caso paradigmático, por desgraza, de todo isto sería o de Justin Fashanu, un dos primeiros futbolistas profesionais abertamente gay; revelar a súa orientación sexual en plena década dos 90 provocou o fin da súa carreira e da súa vida, todo isto motivado obviamente polos prexuízos da sociedade, sobre todo dos seus compañeiros e dos afeccionados. Isto está relacionado cos estereotipos que tan presentes seguen na nosa sociedade, aínda que non nos queiramos dar conta. A pesar de que existan iniciativas como a celebración do Día contra Homofobia no Fútbol, estos non serven de nada se na práctica todo segue sendo igual.

      Como apunte final, mentres investigaba a historia de Fashanu, xurdiume unha dúbida: en case todas as noticias pintan a historia deste futbolista como algo tráxico, dramático, que ao fin e ao cabo é o que é, pero en que sentido pode axudar isto á xente do colectivo que aínda estea “no armario”? Sería máis adecuado tachar a Fashanu, ou a calquera outra persoa que loite polos dereitos do colectivo ata as últimas consecuencias, de heroe ou de vítima, tendo en conta que pode ser ambas pero sempre vai haber unha que teña máis peso?

      Ligazóns

      Núñez, J. (29 de novembro de 2018). Cuatro de cada 10 víctimas de violencia LGTBI son agredidas por personas de su entorno. El País. Recuperado de: https://elpais.com/sociedad/2018/11/28/actualidad/1543420056_589408.html

      Rico, E. (22 de febreiro de 2019). La historia de Justin Fashanu, primer futbolista en declararse gay. SentidoG. Recuperado de: http://www.sentidog.com/lat/2019/02/la-historia-de-justin-fashanu-primer-futbolista-en-declararse-gay.html

      Gústame

  2. MAGIDE PÁSARO

    Efectivamente, casos coma o de Fashanu, son o extremo da presión á que o colectivo LGTBI se pode ver exposto, aínda que no seu caso creo recordar que houbera algún proceso xudicial previo á súa morte. A postura daqueles que, nun mundo coma o do deporte, deciden dar un paso adiante, para min é a dunha persoa valente que loita polos seus dereitos a pesares de todas as hostilidades. Esas últimas consecuencias a estas alturas non deberían existir, aínda que por desgraza o fagan nalgúns casos.
    Foron moitos os deportistas que nos últimos anos deron un paso adiante e declararon abertamente cal era a súa sexualidade, é o caso de Gus Kenworthy (esquiador que gañou ademais a prata nos xogos de inverno, polo que está en primeira liña no panorama deportivo), Michael Sam (xogador de fútbol americano), Orlando Cruz (boxeador), Martina Navratilova (tenista) ou Collin Martin ( o primeiro deportista das grandes ligas americadas que, estando en activo, declara a súa homosexualidade). Tamén é certo que outros fixérono pero unha vez rematada a súa carreira deportiva, o que nos dá tamén unha idea da presión que sobre eles poden ter.
    Creo que noticias coma a de Fashanu, empregada polos medios deberíanos dar a idea de que moito queda aínda por facer.

    Ligazóns

    Rosa del Pino, R. (16 de febreiro de 2018). Adam Rippon y Gus Kenworthy, deportistas gays revolucionan los JJOO de invierno. El Mundo. Recuperado de:
    https://www.elmundo.es/loc/celebrities/2018/02/16/5a8575edca47417c398b4659.html

    Cadena Ser (20 de xuño de 2018). El futbolista Collin Marin: “Soy abiertamente gay”. Cadena Ser. Recuperado de: https://cadenaser.com/ser/2018/06/30/deportes/1530359132_207287.html

    Gústame

    1. CASTRO FRANCO

      A saída do armario de personaxes famosos, xa sexa no mundo do deporte do cal ti falas ou en calquera outro ámbito, é un feito que aínda que poida parecer unha nimiedade en realidade significa moito, tanto para a propia persoa, obviamente, como para todos aqueles mozos e mozas que aínda non se atreveron a dar ese paso. Ter un referente na vida, alguén que normalice e visibilice a túa situación, a túa identidade, pode ser algo crucial; era algo que xa mencionabamos nun dos nosos anteriores posts, contar con figuras do colectivo en ámbitos destacados serve de moito. É o caso da maioría de famosos e famosas mencionados no artigo de El País , sobre todo daqueles que se atreveron a vivir como eles querían, mostrando a súa orientación ou identidade sexual en épocas nas que isto era aínda máis difícil ca hoxe. Porén, outros casos como o de Kevin Spacey o único que fan é aumentar os prexuízos sobre o colectivo LGTB, nesta ocasión os do colectivo gay.

      Aínda así, e pese a existencia de persoas famosas que poidan exercer coma un exemplo á hora de dar este paso, a saída do armario segue a ser nalgunhas ocasións algo moi complexo. Segundo a psicóloga Ana Adán, a educación é, de novo, un dos piares fundamentais á hora de facer este proceso máis fácil; asemade, debemos manter a nosa mente aberta. Nunca sabes con que reaccións te vas a atopar, como mostran os testemuños recollidos no artigo de Vice , polo que nós debemos ser sempre o máis comprensivos e abertos posible. Se todos poñemos un pouco da nosa parte, seguramente os casos como os de Fashanu serían meras anécdotas e as persoas que saen do armario serían valentes e nunca vítimas.

      Ligazóns

      Gomar, I. (5 de novembro de 2017). Famosos homosexuales, de la oscuridad a la normalidad. El País. Recuperado de: https://elpais.com/elpais/2017/11/03/gente/1509711397_660723.html

      Carreres, A. (21 de xuño de 2016). Hay que ser valiente para salir del armario. Vice. Recuperado de: https://www.vice.com/es/article/gqejaj/lgtb-salir-del-armario-testimonios

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.