Arte e igualdade, historia de amor e desamor

IGLESIAS ANDRADE E LÓPEZ FERNÁNDEZ

Cafetería Airas Nunes

Ao longo da historia as mulleres sempre estiveron relegadas a un segundo plano. De feito, se introducimos nun navegador os termos: pintores, músicos, cantantes, artistas… case todos os resultados teñen xénero masculino. Con todo, nos últimos anos si que houbo unha mellora da situación e cada vez a presenza da muller no mundo artístico é superior, pero a que prezo?

“O que pasa no mundo da música, sobre todo nos festivais que están moi de moda, é que se trata de cubrir unha cota de mulleres artistas, para que a prensa non se bote enriba dos organizadores”, engade Andrés Toimil, membro dun grupo de música, ante esta nova de La Voz de Galicia. Os integrantes do círculo coinciden en que a situación se está forzando demasiado e o que buscan os promotores dos festivais é conseguir un número determinado de artistas femininas sen importar realmente a súa calidade e o seu talento. “O peor é confundir iso coa igualdade, porque esta só vai existir cando chegue un punto no que dea igual se contratas a un número de homes ou de mulleres”, comenta a cantante e activista feminista Elisa Sánchez.

Retomando a nova, Alicia Groba, cantante con varios anos de traxectoria, aportou unha experiencia persoal que non deixou indiferente a ninguén e exemplifica, sen dúbida, ese espazo que as mulleres foron loitando por gañar no panorama artístico. “Unha vez fun mercar cordas de guitarra e o dependente díxome que me ía dar unhas brandiñas para que non me fixera dano. Quedei sorprendida, eran unhas cordas pésimas. Ademais, intentou xustificarse dicindo que non había moitas rapazas que tocasen a guitarra”. Este feito non é algo illado xa que ao longo da historia, remontándonos incluso ao antigo Exipto ou á Roma de Xulio César, son moitas as artistas e compositoras que tiñan que vivir baixo o anonimato ou pseudónimos para poder publicar, de aí o seu escaso recoñecemento.

Cambiando de disciplina, achegamos outra nova de La Voz de Galicia, que tocaba o tema de murais. “Con esta información si que vexo que estamos ante un traballo no que a violencia xa se ve como algo estrutural, e iso é positivo”, afirma Xoana Almar, muralista de Cestola na Cachola, que comeza centrándose na temática da creación para posteriormente seguir falando da presenza feminina nesta disciplina. En canto aos temas, é certo que un erro no que caen moitas veces os artistas é centrar a problemática na vítima, non no agresor. “Fáltanos esa sensibilidade porque ninguén nola ensinou”, sostén o graffiteiro Pablo Castiñeira, ao que Deiviz Kostoya, pintor e xornalista compostelán, agrega que “está mal visto corrixir a alguén” e cre que por iso moitas veces se chega a desencadeantes desta índole.

Volvendo ao número de artistas, no mundo dos murais si que se nota un avance e os activistas recoñecen que a cifra de mulleres que foi facéndose o seu oco neste campo é cada vez maior. Xoana Almar ratifica este dato cun caso que coñece de primeira man: “Festivais como o Desordes, no que participo, si que sufriron un cambio a nivel participación feminina dende os seus inicios ata hoxe, e como o Desordes, moitos outros”. Tristemente isto non ocorre en todas as disciplinas e moitos dos artistas amosan a súa preocupación.

Por exemplo, en actividades coma o breakdance, hai un número de nenas e nenos similar ata ben entrada a adolescencia, onde a porcentaxe de mulleres se reduce en cantidades abismais. Deiviz Kostoya cre que isto se debe a “unha cuestión de imaxe” e por iso chegada tal etapa as mozas abandonan estas prácticas aínda gustándolles. “O que ocorre é que ao final elas non se profesionalizan e eles si, e logo cando queres contratar monitores para cursos de breakdance ou graffiti non atopas mulleres. A xente realmente preparada a altos niveis son homes e isto é consecuencia do primeiro”, puntualiza Pablo Castiñeira, xestor de Vella Escola Cultura Urbana. A sociedade e o entorno no que cada un se move non deixan de ter parte da culpa de que isto suceda, pois ás veces non é sinxelo desenvolver prácticas que vaian en contra de estereotipos tan arraigados no noso día a día.

O motivo desta desigualdade, que aínda perdura en moitas das disciplinas, é a masculinización que sempre xirou en torno á cultura urbana, moito superior á existente noutras vertentes da arte. Tratando de analizar o porqué deste fenómeno, Xoana Almar explicou que “o mundo da arte urbana leva consigo uns condicionantes relacionados coa ilegalidade, coa rúa, a nocturnidade e a soidade, que todos sabemos que non son os mesmos para un home que para unha muller”, algo co que concordan todos os demais.

Como conclusión, dicir que malia os avances destes últimos anos nalgunha das disciplinas, aínda queda moito camiño por andar. O foco está agora nunha educación en igualdade, xa que se dende este ámbito non se traballa o conflito, será complicado conseguir algo, é dicir, seguramente haxa moitas máis mulleres artistas das que se coñecen, pero se nos libros non temos referencias sobre isto, seguirán quedando no esquecemento. En canto ao tema de contratar homes ou mulleres, tanto en festivais de música como de pintura ou graffiti, estamos ante un caso máis da chamada discriminación positiva, coa que non todos os individuos comungan, pero é certo que ao partir dunha situación de desvantaxe para o xénero feminino, accións coma esta axudan a visibilizar e son necesarias, aínda que teñen que primar talento e calidade sobre o xénero.

Loxicamente, o ideal sería acadar un punto no que a igualdade real non leve aos organizadores de eventos a pensar no número de mulleres ou homes cos que contan, para o que precisamos un cambio tanto na xa mencionada educación coma no subconsciente. Erradicar este enfrontamento de xéneros é un compromiso de todos.

Acción

Co sitio, día e participantes confirmados, a organización da acción vai por bo camiño. Xa contamos co orzamento dos custos de imprenta, só falta que os artistas manden as súas obras para imprimilas. Agardamos que a acción sexa un éxito, achegando a un público xeral, descubridor destes artistas, e ó público máis especializado, metido no mundo da arte en Compostela. Estes últimos teñen unha grande importancia, posto que poden interesarse polo Observatorio e querer participar nel. Este público especializado que se pode interesar pola nosa actividade é o retorno que obtemos.

Nesta conversa participaron:

  • Xoana Almar, muralista e pintora da cooperativa Cestola na Cachola.
  • Pablo Castiñeira, breakdancer, xestor e fundador de Vella Escola Cultura Urbana.
  • Alicia Groba, música.
  • Deiviz Kostoya, pintor e xornalista.
  • Andrés Toimil, músico profesional.
  • Elisa Sánchez, cantante e activista feminista.

Ligazóns:

11 comentarios en “Arte e igualdade, historia de amor e desamor

  1. GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

    Dende o meu punto de vista, é moi grave que os colaboradores censuren a discriminación positiva en festivais de música. Vivimos nunha sociedade que está estruturada de xeito patriarcal, onde as mulleres non teñen as mesmas oportunidades que os homes, non por falta de calidade, senón por motivos discriminatorios.

    Existen moitos, moitísimos exemplos de mulleres dedicadas á música e bandas femininas que son magnificas, vós falades de Pj Harvey, pero que pasa con Patti Smith, Juliette Lewis, Chrissie Hynd, Shirley Manson, Nina Persson, Debbie Harry, Dolores O’Riordan, Janis Joplin, Imelda May, Tracy Chapman, Kim Deal…? Eu quixera facer música coma a que fan estas mulleres, e tan só rocei o rock na súa parte máis superficial, alguén se atreve a poñer en entredito a Aretha Franklin? Dicir que un festival perde calidade por ter un cartel paritario é un argumento de hai dous séculos.

    Necesitamos este tipo de iniciativas para visibilizar ás mulleres artistas. É importante que a sociedade abra os ollos á desigualdade, que entenda que se cadra non é o ideal, pero é necesario. En festivais de música e salas de concertos a porcentaxe de mulleres non supera o 15%, a problemática non é nova, pero resulta evidente que aínda existen resistencias. Para loitar contra estas cifras, existen diferentes colectivos que traballan para mellorar a situación discriminatoria que se sofre nesta industria, como Mulleres Galegas Kañeras e Mujeres de La Industria de La Música. Ademais, o ano pasado tiveron lugar en A Coruña as Xornadas MIM para a creación dun novo modelo cultural, nas que se trataron temas como a igualdade ou o uso do corpo da muller pola industria musical.

    En definitiva, considero moi triste que o tema da paridade siga a crear controversia e se cuestionen as razóns que teñen os festivais para propoñer carteis igualitarios, cando hai tanta xente traballando para que isto suceda. Este tipo de comentarios poñen de relevancia a necesidade urxente dunha educación con perspectiva de xénero, porque queda patente que as reivindicacións que se fan dende o feminismo non están sendo comprendidas e apoiadas pola sociedade.

    Ligazóns

    Arias, A. (13 de marzo de 2019). La música, en clave de mujer. La Opinión de Zamora. Recuperado de: https://www.laopiniondezamora.es/zamora/2019/03/14/musica-clave-mujer/1150355.html

    Castro, P. (13 de agosto de 2014). Proxecto MGK Mulleres Galegas Kañeras. Recuperado de: https://www.verkami.com/projects/9326-proxecto-mgk-mulleres-galegas-kaneras

    Intermón Oxfam. La discriminación positiva: ejemplos y ventajas. Recuperado de: https://blog.oxfamintermon.org/la-discriminacion-positiva-ejemplos-y-ventajas/

    Pérez, M. (13 de decembro de 2018). As mulleres reclaman a igualdade real no mundo da música. Praza Pública. Recuperado de: https://praza.gal/cultura/as-mulleres-reclaman-a-igualdade-real-no-mundo-da-musica

    Gústame

    1. A música é, de todas as artes, a que ten máis presenza feminina. Coma ti dixeches, nestes últimos 50 anos houbo unha multitude de mulleres que deixaron a súa marca. Ainda así, o home sempre é do que se fala. Incluso en dúos coma The White Stripes é o home (Jack White) quen é o lembrado, non a muller (Meg White). Só 31 discos venderon máis de 30 millóns de copias, deses 31 só 7 son dunha voz feminina.
      En canto aos festivais, a falla de mulleres é algo insultante. Ainda que Beyoncé, Rihanna, Madonna ou en España Amaia sexan caras coñecidas por todos, só o 13% do cartel son mulleres solistas. Os grupos con mulleres só teñen o mesmo 13%, así que os espectadores ven un 74% de artistas masculinos. Non hai ningunha diferenza de calidade entre a música feita por un home e a dunha muller, así que non se pode usar esa excusa. A discriminación positiva é unha boa idea e xa hai festivais que o propoñen. Por exemplo, o Primavera Sound, que dende o ano pasado ten un cartel co mesmo número de homes e mulleres. Iso si, é importante que a paridade sexa tamén na cabeza do cartel, son os concertos máis importantes de cada día. Pouco se fará se hai un número igual de músicas nos escenarios pequenos mentres o acto grande está sempre protagonizdo por homes.

      WIKIPEDIA (28 marzo de 2019). List of best selling albums. Recuperado de: https://en.wikipedia.org/wiki/List_of_best-selling_albums

      CORRAL, T. (30 xuño de 2018). Disección del machismo en los festivales: así se margina a la mujer en los carteles. Recuperado de: https://www.publico.es/culturas/festivales-musica-diseccion-machismo-festivales-margina-mujer-carteles.html

      REDACCIÓN (10 decembro de 2018). Primavera Sound 2019 apuesta por la paridad en su cartel. Recuperado de: https://viciousmagazine.com/primavera-sound-2019-apuesta-por-la-paridad-en-su-cartel/

      Gústame

      1. GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

        O triste é que se cuestione a profesionalidade dunha persoa polo mero feito de ser muller. Imaxinemos o caso de atopar un grupo de música masculino nun festival que non teña a calidade suficiente. Diríase de eles que non son o suficientemente bos porque son homes? Poñeríase en entredito se a organización os contratou unicamente polo mero feito de ser homes? Non. A muller está sometida ó escrutinio e é xulgada por ser muller, non pola súa pericia.

        Todo este sistema de valoración está moi arraigado na sociedade, e é difícil de percibir. Un bo exemplo o pon a vosa colaboradora cando explica como un dependente lle dá unhas cordas “brandiñas” para que non se faga dano, ou cando se exemplifica dicindo que unha muller toca un instrumento “coma un home”, converténdoo no paradigma daquilo que está ben feito.

        As mulleres vivimos nun exame constante, no que temos que demostrar a nosa valía para todo. Eu mesma, no meu traballo, son sometida a incesantes preguntas dos clientes que se queren asegurar de que sei o que estou facendo, eu, que levo máis de 15 anos de profesión. O machismo é un verme difícil de ver e máis arduo de matar.

        Ninguén está libre de xulgar a outro e todos temos aínda moito que aprender en cuestións de igualdade. O importante e traballar pasiño a pasiño, sendo conscientes das nosas propias eivas, dos nosos prexuízos adquiridos, interiorizados, e comezar a loitar contra eles traballando en positivo.

        Ligazóns

        Becerra J. (21 de decembro de 2018). Mujeres que exigen su sitio en la música. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2018/12/21/mujeres-exigen-sitio-musica-cronicas-corunesas/0003_201812H21C4997.htm

        Manifiesto NYM. Recuperado de: http://mujeresymusica.com/manifiesto-mujeres-musica/

        Puñal B. (17 de abril de 2019). Visibilizar o machismo entre liñas. Recuperado de: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/17/visibilizar-o-machismo-entre-linas/

        Gústame

        1. GRANDE SANTALLA
          Dende logo hai que ir pasiño a pasiño, Zamora non se tomou nunha hora. Ademais, as reaccións demasiado rápidas poden enfadar, tendo ou non a razón, a parte da sociedade.
          Volvendo ao tema da música e os festivais, é curioso que ningunha organización admita que non fan nada pola igualdade. O Son do Camiño o ano pasado púxose a medalla de dobrar o número medio de artistas femininas: o 33%. Enténdese que, coma dixen antes, o cambio non será dun día para outro, pero non deixa de ser hipócrita cando nos actos principais eran todos homes.
          Este machismo ten, dende logo, unha motivación económica. Unha proba disto é que nas Festas do Apóstolo, organizadas e pagadas polo Concello de Santiago, o número de mulleres foi moito superior co dos festivais. Nótase cando un governo ou unha organización está verdadeiramente comprometido, ainda que poida mellorar en máis cousas.
          Para rematar, o mansplaining que mencionas é outra lacra do machismo. Ningún home, ningún, sálvase disto. Recibimos dende pequenos a mensaxe de que somos os guías do mundo e temos a responsabilidade coma homes de axudar á xente que non é nós, ainda que posiblemente saiban o mesmo ou máis. É doado darte conta cando outro home o fai, pero o difícil é saber cando mostras ti ese comportamento e paralo. Polo menos as xeracións novas teñen máis conciencia disto que as anteriores e loitan contra iso.

          O Son do Camiño (8 de marzo de 2018). LAS CHICAS NO SOMOS “GROUPIES”, ¡SOMOS ESTRELLAS DEL ROCK! Recuperado o 24 de abril de 2019 de: http://www.osondocamino.es/2018/03/08/las-chicas-somos-estrellas-del-rock/

          PITA, E. (3 de xullo de 2018). Fiestas del Apóstol en clave de mujer, con el nuevo fenómeno viral ‘Rosalía’. Recuperado o 24 de abril de 2019 de: https://www.elcorreogallego.es/videos/hoy-es-noticia/ecg/fiestas-apostol-clave-mujer-nuevo-fenomeno-viral-rosalia/idEdicion-2018-07-03/idNoticia-1124697/

          TORRES, A. Mnsplaining, ¿otra forma subterránea de machismo cultural? Recuperado o 24 de abril de 2019 de: https://psicologiaymente.com/social/mansplaining

          Gústame

  2. MENDES SÁNDEZ

    Como ben dis, malia que hai unha maior presenza feminina nos eventos musicais, debido á coñecida discriminación positiva a cifra segue sendo insultante, sobre todo nos festivais de certa relevancia. Sen ir máis lonxe, no ámbito nacional en 2017 só un 15% dos artistas que participaron en festivais eran ou estaban integrados por mulleres. Este dato agrávase cando falamos de cabezas de cartel. Neste eido a presenza feminina non chega ao 10% nos grandes eventos de España. Caso similar o que ocorre fóra das nosas fronteiras. Tanto no Coachella coma no Lollapalooza, no ano 2017, só unha muller en cada un foi cabeza de cartel, Beyoncé no primeiro e Lana del Rey no segundo. Se nos fixamos na música techno a presenza feminina xa é case inexistente. Non hai máis que ver que só unha muller formou parte do programa de 2017 de Tomorrowland.

    O feito de que as artistas actuais carezan de figuras ás que admirar e nas que proxectarse inflúe bastamente na pouca (aínda que crecente) presenza de mulleres na arte actual. Creadoras coma as irmás Brönte tiveron que cambiar o seu nome por un pseudónimo masculino para ser publicadas e lidas malia escribir verdadeiras obras mestras. Iso xa di moito da opresión feminina neste territorio. Para equiparar isto, do mesmo xeito que se fixo coas vítimas de racismo en Estados Unidos, o goberno lanza medidas de discriminación positiva, que non sempre son ben recibidas. En moitos casos provocan que, á hora de escoller obras femininas, o filtro sexa inexistente.

    Ligazóns:

    LEMA, Katy (12 de marzo de 2018). La insultante cifra de mujeres que lideran los festivales de música. Recuperado de: https://elpais.com/cultura/2018/03/07/miss_festivales/1520414333_057855.html

    MIRON, Viridiana (5 de febreiro de 2016). Mujeres en el arte, ¿por qué su nombre ha quedado en la oscuridad?. Recuperado de: https://www.nuevamujer.com/actualidad/2016/02/05/mujeres-arte-que-nombre-quedado-oscuridad.html

    LIENAS, Gemma (setembro de 2009). ¿Discriminación positiva? No gracias. Recuperado de: http://www.mujeresenred.net/spip.php?article1810

    Gústame

    1. GRANDE SANTALLA
      O que dis no última párrafo é moi interesante. A muller sempre tivo que esconderse para poder escribir, coma dis. A saber cantas das obras “anónimas” que pasaron á historia tiñan unha man feminina detrás delas. Isto parece unha cosa do pasado, algo feito para evitar as malas miradas dunha sociedade arcaica, pero segue sendo así. O mellor exemplo está en Harry Potter. Joanne Rowling, cando tiña que asinar o seu primeiro libro, decidiu facelo coma J.K. Rowling, significando a K Kathleen en honra á súa avoa materna. O de poñer as siglas e non o seu nome foi unha recomendación da editorial, que lle dixera que a xente podía mostrarse reacia a mercar un libro escrito por unha muller. As irmás Brontë escribían hai 170 anos, isto ocorreu hai pouco máis de 20.
      Non estou de acordo no que dis de que ás mulleres artistas actuais lles faltan figuras nas que proxectarse, supoño que te refires a figuras femininas. As artistas mundiais mais coñecidas coma Beyoncé, Miley Cyrus ou Ariana Grande sempre falan de mulleres coma Aretha Franklin, Joan Jett ou Whitney Houston coma referentes e figuras nas que inspirarse. Neste caso, a muller artista sofre unha situación equiparable á da primeira xeración de artistas afroamericanos. Semella que antes deles non houbo nada. Non se fala de pintores negros anteriores a Basquiat, pero el mencionaba nas súas influencias artistas coma o músico Miles Davis ou o artista urbano Fab five Freddy.
      Nun ámbito máis pequeno e local coma o galego, si que houbo unha carencia de artistas mulleres que fai que a xeración feminina actual teña coma referentes figuras de fora. Ainda así, é unha xeración moi prometedora, malia a escasa visibilidade da que dispoñen. É triste que na terra de Rosalía de Castro non se poida falar de máis mulleres que a acompañen no Olimpo.

      SANGUINO, J. (26 de xuño de 2017). POR QUÉ ES IMPORTANTE RECORDAR LA EXTRAORDINARIA HISTORIA DE J.K. ROWLING. Recuperado o 24 de abril de 2019 de: https://www.revistavanityfair.es/cultura/entretenimiento/articulos/j-k-rowling-animales-extraordinarios-y-donde-encontrarlos-harry-potter/23098

      Guggenheim Bilbao. Jean-Michel Basquiat, ¿Sabías qué? Recuperado o 24 de abril de 2019 de: http://basquiat.guggenheim-bilbao.eus/sabias-que/

      TALADRID, A. (11 de marzo de 2010). Cultura presenta ‘100 Mulleres Galegas’, impulsado por Teenses. Recuperado o 24 de abril de 2019 de: https://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/cultura-presenta-100-mulleres-galegas-impulsado-teenses/idEdicion-2010-03-11/idNoticia-524591

      Gústame

      1. MENDES SÁNDEZ
        O feito de que Beyoncé fale de Aretha ou Witney reafirma a miña argumentación. Cantos anos distan entre unha artista e outra? Trinta tal vez? Tendo en conta a lonxevidade da civilización humana, estas referencias quédanse escasas, poderiamos afirmar incluso que todas as artistas mencionadas son case coetáneas. Cando falamos de homes é outro cantar. Michael Jackson seguro que se fixou en Steve Wonder, pero tras eles existe unha *longa* lista de cantantes, músicos, creadores…homes.
        Iso si, sempre que falemos de homes con rasgos caucásicos e estabilidade socioeconómica. Falar do colectivo afrodescendente sería apenas posible. E non digo que non houbera e haxa milleiros de persoas con raíces africanas que estean a facer cousas, a crear e tentar destacar nun gremio que a “grosso modo” sempre se caracterizou polo elitismo. Por desgraza, a etnia dominante, sempre se encargou de silenciar ou asimilar como propias as vertentes artísticas nacidas deste colectivo. Durante a etapa de esclavitude moitos dos ritos relixiosos dos escravos, como poden ser o cántico ou as tradicións de sepulcro foron absorvidas polos colonos americanos, mentres sometían con crueldade aos seres que lles abriran ese longo campo de manifestacións culturais. Reafirmándome na miña opinión anterior, podo concluir que é unha pena que na actualidade os afrodescendentes, do mesmo xeito que as mulleres, non teñan referencias lonxevas ás que admirar.
        Ligazóns:
        Valderrama Rentería, Carlos A. (2008). Construyendo identidad ética afro-urbana: etnografía de las dinámicas organizativas en los procesos de construcción de identidad étnica afrocolombianas en Cali. Recuperado en abril do 2019 de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/5857426.pdf
        Oliva, Elena. (2017). Intelectuales afrodescendientes: apuntes para una genealogía en América Latina. Recuperado en abril do 2019 de: http://www.redalyc.org/jatsRepo/396/39654308004/html/index.html

        Gústame

        1. GRANDE SANTALLA
          A música e o racismo non están conectados só nos referentes. Cando o reggaeton chegou a España, moita xente atacouno por primeiro, ser novo, e segundo, por vir de Latinoamérica. Coincidiu cun anos de moita inmigración latina cara aquí, polo que foi atacado para rexeitar indirectamente aos novos cidadáns. Pasou máis dunha década e podemos dicir que, malia ainda exista este fenómeno, a grande maioría non ten ningún problema coa música latina.
          Putochinomaricón es un artista que lucha contra el racismo. De origen chino, su activismo se orienta hacia la visibilización de la población asiática e inmigrante en España, así como el movimiento LGTB, del que forma parte. Ha sufrido discriminación por ambos lados desde que era pequeño, así que la música es una forma de canalizar ese sufrimiento provocado por el racismo. Coma el, moitos artistas plasman as súas vivencias na súa música. Agora venme á cabeza Kendrick Lamar, que plasma o seu orgullo de ser negro e o que implica na canción “The blacker the berry”. A exposición tan explícita dun problema contado polos seus afectados crea conciencia para loitar contra o racismo, moi incrustado na linguaxe e a sociedade. Parece que a multiculturalidade e as novas xeracións están combatendo este problema, hai esperanza.

          ORDÓÑEZ CILLARÓN, E. (17 de xaneiro de 2018). Los españoles empiezan a sentir la música latina como un patrimonio propio. Recuperado o 25 de abril de: https://www.yorokobu.es/musica-latina/

          BARRAGÁN, A. (12 de marzo de 2018). “Se hace activismo desde el enfado y este surge desde tus vivencias”. Recuperado o 15 de abril de 2019 de: http://esracismo.com/2018/03/12/putochinomaricon-se-hace-activismo-desde-el-enfado-y-este-surge-desde-tus-vivencias/

          Gústame

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.