FARIÑAS TORRES e FREIRE PICÓN
“A xente está nas rúas e participa nas rúas, pero eles van por outro lado, xerando proxectos a nivel comercial moi á marxe”. Con estas palabras, Pablo Castiñeira sinala ós diferentes órganos de goberno polas fallas entre as necesidades dos usuarios e os plans de urbanismo para as disciplinas alternativas. Trátase dunha falta de diálogo pois, tal como explica o xestor de Vella Escola Cultura Urbana, as persoas ás que estarían destinadas estas estruturas tan só piden un chan liso e catro módulos de skate, pero ben ordenados, posto que os xa construídos non se adaptan ó que eles precisan. O problema está en que “non se lles escoita”.
A cuestión, entón, é: se non se lles presta atención ós potenciais usuarios, por que razón se toman espazos públicos para construír estes parques? Pablo Castiñeira teno claro: “porque deportivizar zonas está de moda”. Un exemplo disto témolo no parque da Constitución (El Correo Gallego, 16-11-2018), que actualmente “está sendo remodelado”, como indica Deiviz Kostoya. A tendencia de facer parques de skate a discreción, afirma Pablo, vese acentuada polo feito de ser este un ano de eleccións municipais.
A pesar do que poida parecer, non todo son problemas sen resposta. O skate, coma tantas outras disciplinas englobadas nos activismos creativos, é unha práctica carente de órganos federativos, algo que tampouco facilita o intercambio de información entre usuarios e corpos gobernamentais. Así pois, xorde a idea dunha federación como organismo “ó que uns e outros se poidan dirixir”, tal como propón Mariña, a ilustradora detrás de Queixumes.
Mudando a disciplina poñemos o ollo no muralismo, pois o tema dos espazos non atinxe só a disciplinas tan deportivas coma o skate ou o parkour, e estamos agora fronte a outra das expresións de cultura urbana máis presentes recorrentes nas cidades e na sociedade galega. O primeiro que fai Xoana Almar cando entramos neste tema é diferenciar o espazo rural do urbano á hora de realizar este tipo de obras. Isto débese á relación co entorno humano, tal como explica a artista cofundadora de Cestola na Cachola, posto que “no rural, o impacto do mural é enorme”, dende a experiencia que lle dá o seu traballo en áreas coma a da Ribeira Sacra. Pola contra, esta pintora afirma que un mural “nunha cidade pasa máis desapercibido”. Tamén inflúe isto na persoa do propio muralista: “No rural tratas de falar coa xente e implicarte máis co entorno, mentres que na cidade nun mural intentas dedicarte máis a expresar a túa arte”.
Así a todo, o espazo urbano tamén ten a súa propia dimensión de relevancia, como se manifesta na tendencia a empregalos en zonas máis desencantadas da cidade. Así o explica Xoana: “Un mural humaniza un barrio que está un pouco abandonado (que non inhabitado) se cadra carente de infraestruturas de calidade ou de zonas verdes”. É por este motivo que, na maioría dos casos, a xente recibe abertamente proxectos como estes, tal como se viu e se ve en Pontepedriña (La Voz de Galicia, 26-09-2007).
Os integrantes do círculo tampouco descartan o casco histórico da cidade como un lugar axeitado para pintar murais. De feito, Deiviz Kostoya non comprende que se prohiban ditas iniciativas nesta área mentres que “algunhas casas da propia zona vella están caendo”.
Porén, tamén perciben o uso do muralismo coma ferramenta auxiliar máis que coma disciplina artística dende o eido da ordenación urbanística, como observa o propio Deiviz: “Os murais asócianse a recuperar espazos, que tamén é verdade. Pero por que non se inviste nun mural porque si, como arte ou valor?” Para isto Pablo Castiñeira propón “proxectos que poidan acompañar esa intervención mural recuperando os espazos para que a xente vexa que xa está a ocorrer, que se está a recuperar espazos e que pode ser bonito, pero que tamén teña consciencia de que non todo é o mesmo: pintar un mural nunha medianeira ou nun lenzo non é o mesmo que unha pintada” (El Correo Gallego, 15-10-2018). Sinala, ademais, a falta de coñecemento sobre o tema “a nivel público xeral, a nivel municipal e incluso entre nós, que sendo do ámbito non temos claro como se distribúe toda esa información”.
Como conclusión deste encontro, facer fincapé en que moitas veces dende municipios ou eventos culturais se acode a disciplinas como o skate ou o muralismo simplemente porque están en auxe e gustan á mocidade, por unha cuestión de imaxe, sen saber realmente as necesidades dos seus practicantes e sen por en valor como se debe o seu traballo. Isto, xunto ó descoñecemento da maioría dos cidadáns, só perxudica ós artistas, que ven como o seu traballo se infravalora ou se utiliza.
A acción
A acción non variou moito respecto á anterior vez. A idea dos carteis, debuxos e demais contido dos participantes nos círculos repartidos pola cidade para promocionar un evento no que se expoña a súa obra vai collendo forma. Comentámolo cos participantes, pareceulles unha boa idea e mostráronse partidarios dela. O local pode ser perfectamente un pub ou cafetería. Xa hai algúns, coma o Modus Vivendi, con tradición de acoller reunións así. Nos próximos días haberá unha decisión definitiva sobre a acción final; sexa a que sexa, procurará a maior participación cidadana posíbel coma o gran acto final deste proxecto.
Nesta conversa interviñeron:
- Ángel Vidal, fotógrafo e músico.
- Xoana Almar, muralista e pintora da cooperativa Cestola na Cachola.
- Mariña Longa, ilustradora.
- Pablo Castiñeira, breakdancer, xestor e fundador de Vella Escola Cultura Urbana.
- Deiviz Kostoya, pintor e xornalista.
GONZÁLEZ RODRÍGUEZ
Cando falamos de cultura urbana, a maioría das veces o debate xira en torno ó vandalismo e a arte. A cuestión é que este xénero artístico está nese límite entre a legalidade e a ilegalidade, a pintura de rúa nace a finais dos anos 60 nun contexto marxinal como unha fórmula creativa de resistencia á autoridade. Hoxe en día a arte urbana non pode negar as súas raíces, e aínda que cada día é máis valorada, ten unha aceptación social inferior respecto das expresións artísticas clásicas. (Giner e Santabárbara, 2017, p.158)
Neste faladoiro, unha vez máis os artistas reclaman espazos onde poder expresarse, reivindicando que os seus murais revalorizan espazos deteriorados e contribúen a mellorar o aspecto das cidades, falando incluso de que o que fan “é bonito”. A min gustaríame aportar que a arte non se pode valorar unicamente polo seu aspecto estético, e que a esencia mesma da pintura de rúa é precisamente saír fora dos círculos convencionais, impactar, protestar, expresar todo aquilo que a sociedade pensa pero que non pode dicir abertamente. Polo tanto, habilitar espazos públicos para este tipo de xénero artístico creo que podería roubarlle parte da súa forza. Dan Witz, un dos pioneiros do arte urbano, comentaba que lle aconteceu cando a súa arte foi recoñecida e difundida: “Me gusta la atención. Me gusta que la gente sepa de estas cosas, y me ayuda cuando pellizco algún encargo público, pero soy sin duda receloso del efecto corruptor que puede tener sobre mí una publicidad excesiva” (como se cita en: Abarca, 2010, p.3).
Banksy é un artista underground mundialmente coñecido pola súa reivindicativa obra, e cuxa identidade se mantén no anonimato. Viaxa por todo o mundo deixando a súa pegada, e os arranques das súas obras (anacos de parede ou portas) véndense por miles de euros. Pódese dicir que é un artista mediático, el mesmo provoca as súas accións publicitarias e gracias o seu traballo o stencil é unha das artes urbanas máis apreciadas. Mais esta fama ten consecuencias, ademais de contar con innumerables imitadores, a súa obra adoita ser espoliada, como sucedeu co homenaxe ás vítimas que realizou na porta da Sala Bataclán en París. (Agencias, 2019)
Creo que as reivindicacións dos artistas urbanos son comprensibles e considero este xénero artístico un dos máis interesantes, merece ser recoñecido, pero pregúntome se o feito de saír da súa clandestinidade, apoiado polos Concellos, terá un efecto indesexado na calidade das obras. A cultura alternativa aliméntase do mundo somerxido da cidade, expoñerse á luz implica perder en parte o contacto coa súa propia esencia.
Ligazóns:
Abarca, J. (2010). El papel de los medios en el desarrollo del arte urbano. AACADigital: Revista de la Asociación Aragonesa de Críticos de Arte, 12, 3. ISSN-e 1988-5180 Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3318428
Agencias (2019). Robado en París un ‘banksy’ pintado en una puerta de la sala Bataclan. El País. Recuperado de: https://elpais.com/cultura/2019/01/27/actualidad/1548587615_607578.html
Ginger, E. y Santabárbara C. (2017). La musealización del arte urbano. Límites y controversia. Conservación de arte contemporáneo: 18ª jornada, febrero 2017, 157-165. ISBN 978-84-8026-562-1 Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6519993
Medinilla, M. (2018). Las millonarias cifras de la obra de Banksy, el artista sin rostro que se vende en las fachadas. El Economista. Recuperado de: https://www.eleconomista.es/empresas-finanzas/noticias/9089653/04/18/Las-millonarias-cifras-de-la-obra-de-Banksy-el-artista-sin-rostro-que-se-vende-en-las-fachadas.html
GústameGústame
FREIRE PICÓN
A arte urbana é, innegablemente, de orixe vandálica. Nace nos barrios periféricos das grandes cidades e xorde, principalmente, como unha manifestación da opresión ou marxinación. Non obstante, tamén é innegable que hoxe é considerada como unha arte propiamente dita.
Okuda é un artista cántabro que comezou pintando letras ilexibles nas rúas para máis tarde xeometrizalas, convertilas. É precisamente a súa obra a que mostra a evolución que esta disciplina artística foi vivindo ao longo dos anos, mais aínda queda moito camiño por percorrer. A pesar de que en España xa se empeza a falar con propiedade deste grupo de artistas, Okuda continúa recibindo mellor trato no estranxeiro, pois aquí a arte urbana sempre foi tratada como unha arte menor. Ante isto, os grandes artistas urbanos españois decidiron fundar un exército xestionado e abastecido dende dentro. Naceu así unha corrente artística independente por vocación, pero, tamén, por imperativo de subsistencia.
Persoalmente, considero que a reclamación de espazos públicos para este tipo de xéneros artísticos é realmente necesaria. Deste xeito, poderíanse evitar moitos dos actos vandálicos que atacan ás nosas cidades, como o ocorrido na Catedral de Santiago de Compostela. Adentrarse nas galerías e museos pode conseguir que moitas persoas deixen atrás os prexuízos, abran os ollos e comecen a valorar o ‘graffiti’ e o ‘street-art’ como un movemento artístico máis. Non obstante, e como ben mencionas, a arte urbana caracterízase por plasmarse no asfalto, na rúa, e zambullirse nos mercados pode entrañar riscos: «Si lleva al artista a romper con el espacio público y a traicionar su discurso, desarticula la esencia identitaria del arte urbano. Quien tome ese camino debe tener las cosas muy claras para no doblegarse a los cantos de sirena del éxito o el lucro», analiza o experto Fernando Figueroa. Polo tanto, saír da clandestinidade pode lograr un maior recoñecemento do artista, pero tamén unha ruptura coas crenzas e valores que caracterizan esta disciplina.
Ligazóns:
Fernandez Herrero, E. (2018). Origen, evolución y auge del arte urbano. El fenómeno Banksy y otros artistas urbanos [Tesis doctoral]. Recuperado de: http://eprints.ucm.es/46424/1/T39585.pdf
Monográfico Arte Urbano. Conservación y Restauración de Intervenciones Contemporáneas [Suplemento]. Recuperado de: http://observatoriodearteurbano.org/wordpress/wp-content/uploads/2017/01/Ge-conservacio%CC%81n-N%C2%BA10-Suplemeto-Arte-Urbano.pdf
Okuda San Miguel. (s.f.). Recuperado de: https://es.wikipedia.org/wiki/Okuda_San_Miguel
País, El (2019, 12 marzo). Pintadas contra la Iglesia, los Borbones y Vox en la catedral de Santiago. Recuperado de: https://elpais.com/cultura/2019/03/12/actualidad/1552389698_242792.html
GústameGústame
GONZÁLEZ RODRÍGUEZ
Ola Cristina,
teño que discrepar contigo en certos aspectos, pois non creo que as pintadas que se atoparon na catedral teñan demasiado que ver coa arte, sexan as do pasado 8 de Marzo ou aquela na que pintaran unha escultura coma un dos integrantes do grupo KISS. Na miña opinión ambas incursións foron actos de vandalismo e non creo que as persoas que as realizaron intentasen transmitir ningunha mensaxe artística. Polo tanto, dubido que o feito de habilitar espazos para o graffiti conseguise evitar os ataques contra o patrimonio histórico.
O respecto é fundamental. Non creo que ningún verdadeiro artista queira que a súa obra sexa recordada por ser aquela que estragou a parede dun edificio histórico, como tampouco creo que esta disciplina queira cinguirse a uns espazos habilitados. Parte da forza dunha pintada de rúa é a parede sobre a que estea feita. Pódese facer crítica social dende un mural dun parque, pero unha estampa dun home fraco e só, sobre o muro dun cárcere, adquire moita máis transcendencia. Dalgún xeito, este é un xénero artístico que require de certa clandestinidade, de transgredir a norma para que a súa mensaxe calle máis.
Porén, dende a parte que atinxe ó seu aspecto máis estético, quero recoñecer o mérito de algunhas iniciativas, como o Festival de Arte Urbana Desordes Creativas, que este agosto celebrará a súa décima edición. Esta convocatoria conseguiu poñer en valor a capacidade artística de moitos creadores, a maioría de eles galegos, e ademais dotar á vila de Ordes (A Coruña) dun reclamo turístico inusitado. Con este proxecto conseguiron poñer este pequeno lugar no mapa e mellorar visiblemente o aspecto do pobo.
(2018). DesOrdes Creativas devuelve el arte a las calles. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/ordes/2018/08/08/desordes-creativas-devuelve-arte-calles/0003_201808S8C5991.htm
(2019). Agresión ao patrimonio: a catedral de Compostela amence con varias pintadas nas súas fachadas. Sermos Galiza. Recuperado de: https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/agresion-ao-patrimonio-pintadas-catedral-compostela/20190312120525076982.html
PFG (2019). Comunicado feminista ante as agresións ao noso patrimonio e ás nosas vidas. Recuperado de: https://plataformafeministagalega.org/comunicado-feminista-agresions-patrimonio-nosas-vidas/
Roma B. (2018). Aparece pintada con bigotes una escultura de la catedral de Santiago de Compostela. El Mundo. Recuperado de: https://www.elmundo.es/cultura/2018/08/06/5b68356422601d30528b45c3.html
GústameGústame
FREIRE PICÓN
Boas Nuria!
Por unha banda, estou totalmente de acordo contigo cando te refires a que ningún artista quere que se lle relacione con actos vandálicos. Cando mencionei o que aconteceu na Catedral de Santiago de Compostela no anterior comentario só quería empregalo como exemplo, mais é evidente que esa pintada foi produto da mala intención do autor.
Por outra banda, en ningún momento mesturei conceptos. Non concibo as pintadas como arte, mais, desafortunadamente, a maioría da xente si o fai. Nunha das reunións que tivemos cos integrantes do círculo, Pablo Castiñeira, breakdancer e xestor de Vella Escola Cultura Urbana, declarou que actos deste estilo, o graffiti e o muralismo sempre se meten no mesmo saco. El mesmo reafirmou esa necesidade de habilitar espazos e de organizar actividades como obradoiros, festivais… para que os rapaces interesados aproveiten as instalacións que se lles ofrece en lugar de pintar sinaturas en zonas inapropiadas. A cantidade de diñeiro que os servizos de limpeza invisten ao ano na limpeza de graffitis supera, nalgúns municipios, os 300.000 euros. Motivo suficiente para que Pablo, xunto co resto de integrantes, vexan necesaria esta iniciativa.
Ligazóns:
Reyes Sánchez, F. (2012). Graffiti. ¿Arte o vandalismo? Recuperado de: https://revistas.ucm.es/index.php/PEPU/article/viewFile/40636/38962
País, El (2018, 17 noviembre). 15 millones de euros para limpiar grafitis de los trenes. Recuperado de: https://elpais.com/ccaa/2018/11/16/madrid/1542384629_025724.html
Norte de Castilla, El (2019, 18 marzo). El Ayuntamiento de Valladolid destinó 324.000 euros a eliminar 3.408 pintadas el año pasado. Recuperado de: https://www.elnortedecastilla.es/valladolid/ayuntamiento-valladolid-destino-20190318204751-nt.html
GústameGústame
MORCILLO NINE
Como ben sinalades, as distintas modalidades de activismos creativos adoitan considerarse actividades alternativas que quedan invisibilizadas na maioría dos casos e carentes de axuda e de atención por parte da Administración. Por iso, os artistas deben loitar duramente para abrirse un espazo de relevancia entre os numerosos proxectos comerciais. Pero tamén é certo que, aínda que non sexan moi numerosos, existen casos importantes de visibilidade e apoio aos modelos de activismos creativos que se tratan no post.
Por exemplo, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presume de contar cunha pista de skate aberta e de gran calidade en Barreiro que, segundo afirma, é considerada como a mellor de toda Galicia despois de invertir nela un total de case 45.000 euros en demolicións, escavacións, construción e instalación de novos elementos deportivos. Caballero apunta ademais que a cidade terá unha nova pista máis grande en Navia e informa das remodelacións das xa existentes en O Castro e O Calvario.
Se nos trasladamos a Ferrol, atopamos tamén unha escola de skate na estrada de Catabois, escondida tras un portalón de garaxe repleto de grafittis. O número de matriculados nesta escola triplicouse en tan só dous anos. No entanto, é a única que funciona en Ferrol, malia que existen circuítos de skate como o de Narón ou o Evoskatepark, pero o problema principal é que nalgúns deles falla o mantemento e as condición destes deixan moito que desexar.
Por outra banda, respecto ao mundo do muralismo é verdade que os artistas teñen problemas para atopar espazos adecuados e autorizados para as súas obras, aínda que normalmente conten coa aceptación xeral por parte dos veciños. Moitas veces quedan relegados ao rural ou malinterprétase o seu traballo pola imaxe de descontrol dos grafittis. Polo tanto, os artistas reclaman espazos como muros abertos nos que poder expoñer as súas creacións, aínda que sexa durante un corto período de tempo.
A pesares disto, é certo que pode chegar a dar a sensación, e parece que así é como o senten as persoas relacionadas co tema, de que a atención e o desenvolvemento das actividades creativas se debe a unha vontade de busca de prestixio por parte da Administración das cidades e tamén de ofrecer unha actitude máis próxima, moderna e innovadora.
Ligazóns:
Atlántico (2018, 05 maio). El alcalde califica la pista de skate de Barreiro como “la mejor de Galicia”. Recuperado de: http://www.atlantico.net/articulo/vigo/alcalde-califica-pista-skate-barreiro-mejor-galicia/20180501024501644772.html
Antón, Beatriz (2018, 03 novembro). Un refugio para volar sobre el «skate». La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/ferrol/2018/11/04/pasion-skate-coge-impulso/0003_201811F4C4991.htm
Silvoso, Loreto (2019, 27 xaneiro). Iria Fafián: «El grafiti es irreverente, y el mural, decorativo. Son mundos irreconciliables». La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2019/01/27/grafiti-irreverente-mural-decorativo-mundos-irreconciliablesorigen-estudios-obra/0003_201901H27C12991.htm
GústameGústame
LÓPEZ FERNÁNDEZ
Efectivamente, detrás de todos os proxectos relativos a estas disciplinas que están a desenvolver, ás veces incluso de xeito excesivo, os principais núcleos urbanos galegos, hai una importante cuestión de imaxe, un interese por mostrarse dalgún modo “modernos” e “cosmopolitas” de cara á galería. Ademais, dado que son disciplinas asociadas á mocidade, os municipios tratan de achegarse así a este sector da poboación en busca dun aumento dos seus apoios, de aí que iniciativas deste tipo aumenten cando se achegan comicios de calquera tipo.
Mais a realidade dista bastante desta idea de proximidade e implicación que se trata de divulgar. De que serve construír un parque de skate xigante se non se escoitan as inquedanzas e necesidades dos propios usuarios, os skaters? Por que se trata de dar unha imaxe que non se corresponde coa verdade, xa que logo son os primeiros que prohiben estas prácticas nas rúas e as sancionan? Como di Luis Menor Ruiz na súa tese doutoral, a xestión pública da arte urbana nas cidades contemporáneas baséase nunha dobre tendencia contraditoria, á que este autor denomina “esquizoide”, consistente na implantación, ao mesmo tempo, de medidas coercitivas (prohibicións, sancións, etc.) e medidas de cooptación (fomento destas expresións artísticas, canalización ou tutela a través de procesos de implantación, etc.). Isto trae consecuencias, como non, nos propios artistas, que se moven entre a resistencia e a colaboración co mundo institucional.
En canto ao tema dos murais, coincido en que na maioría de casos quedan relegados a zonas da cidade deshabitadas, afeadas ou abandonadas, ou ben ao mundo rural, algo no que fan fincapé os artistas do noso círculo, pero é certo que cada vez máis se están celebrando festivais e encontros de muralistas en urbes galegas, sen saber moi ben até que punto pode chegar a ser unha sobreexposición da disciplina. Por exemplo, o Festival Internacional de Arte na Rúa Desordes Creativas, de Ordes, leva xa máis de dez edicións, acontecemento que tomaron como modelo outras cidades como Carballo, co Rexenera Fest (catro edicións), ou Vigo. En todas elas se emprega o mural como recurso para reactivar algo, nunca xorde como iniciativa propia porque si.
Por último, teño que facer un pequeno inciso sobre algo que dis. Falas de que “os artistas reclaman espazos como muros abertos nos que poder expoñer as súas creacións, aínda que sexa durante un corto período de tempo”, pero en verdade o mural leva implícito o feito de descansar sobre unha parede ou muro, ao que debe adaptarse en todos os sentidos (tamaño, situación, luz,…), polo que perduran no tempo e os seus autores non adoitan falar de exposicións a corto prazo.
Ligazóns:
Menor, L. (2017). Arte urbano y políticas públicas en la ciudad contemporánea. El caso de Madrid (tese doutoral). Universitat Autònoma de Barcelona, Barcelona. Recuperado de: https://www.tdx.cat/bitstream/handle/10803/457524/lmr1de1.pdf?sequence=1&isAllowed=y
Pérez, M. (13 de outubro de 2015). Arte en la calle: las paredes gallegas hablan. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/galicia/Arte-calle-paredes-gallegas-hablan_0_440956733.html
Sánchez, L. (s.d.). Concepto artístico de la pintura mural. Recuperado de: http://www.colmayor.edu.co/archivos/la_tcnica_del_fresco_xl6ab.pdf
GústameGústame
MORCILLO NINE
Ante todo debemos admitir que o arte urbano segue sendo unha práctica minoritaria na sociedade. É moi probable que a pouca visibilidade que obteñen actividades como o muralismo ou o skateboard se deba a este motivo. Estas disciplinas están máis achegadas á xente nova. Por iso, ao mellor, nuns anos teñan unha visibilidade, comprensión, difusión e valoración máis ampla e sólida, ligada ao crecemento natural da sociedade e ao cambio nas mentalidades coa evolución das xeracións.
En concreto, o muralismo ten unha clara finalidade social e crítica nas súas mensaxes. No entanto, ao igual que sucede nas artes en xeral, estas actitudes máis controvertidas encóntranse con dificultades engadidas á hora de ser expostas ao público. Existen unha especie de campaña de silenciamento por parte das autoridades e isto está tamén moi relacionado cos lugares nos que se permite expoñer estes murais. As paredes das cidades deben recoller os problemas e as inquedanzas das persoas que viven nelas como parte da súa identidade, non só como elemento decorativo ou restaurador dos lugares descoidados. Este é o principal problema na aceptación desta modalidade artística nos escenarios urbanos.
A arte do muralismo adoita quedar relegada, como xa falamos, ao ámbito rural ou a zonas afeadas da cidade. Mais, como en todos os casos, hai excepcións e isto é sempre unha boa sinal. Por exemplo, no casco urbano da localidade de Carballo a Consellería de Cultura e Turismo inverteu 13.500 euros nunha sinalización para o proxecto de “Derrubando Muros”, baseado en códigos QR e creando así unha especie de museo ao aire libre. Ademais levouse a cabo tamén a renovación da ruta “Sendas do Mar”, dando prioridade ao mantemento destas obras exteriores, que é tamén algo a ter en conta polos artistas en relación á futura integridade das súas creacións.
Ademais, tamén é certo aquilo da “esquizoide” que apuntabas no teu comentario. Por exemplo, nunha cidade grande como é Madrid supoñemos que a práctica do skate nas rúas está máis normalizada e incluso habilitada dalgunha maneira, adaptando a cidade a novas formas de desprazamento. Pero nada máis lonxe da realidade. Recentemente, o Concello da capital propuxo a prohibición de circular por calzadas, beirarrúas, zonas peatonais e vías ciclistas aos monopatíns, limitando o seu uso unicamente aos skateparks.
Para finalizar, respecto ao que dicías sobre un dos asuntos do comentario primeiro, sinalo a posibilidade da creación de muros abertos como alternativa. Iria Fafián así o considera nunha entrevista para La Voz de Galicia: “Deberíanse probar outras vías, como abrir muros para que a xente vaia pintar alí. Non creo que iso elimine o graffiti, pero sería unha pequena vía de escape”. Baixo o meu punto de vista, isto podería axudar a visibilizar pouco a pouco e perderlle o medo aos murais ao confundilos cos graffitis.
Ligazóns:
Arévalo, Lorena (sen data) El muralismo en Galicia. Arte urbano y crítica social. Recuperado de: https://www.academia.edu/36252480/El_muralismo_en_Galicia._Arte_urbano_y_cr%C3%ADtica_social
Los murales de «Derrubando muros» estrenan señalización. (2018, 21 novembro). La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2018/11/21/murales-span-langglderrubando-murosspan-estrenan-senalizacion/0003_201811C21C7993.htm
Madrid se plantea prohibir el uso del monopatín en las calles. (2018, 21 febreiro). 20minutos. Recuperado de:https://www.20minutos.es/noticia/3268847/0/madrid-prohibir-monopatin-calles/
Silvoso, Loreto (2019, 27 xaneiro). Iria Fafián: «El grafiti es irreverente, y el mural, decorativo. Son mundos irreconciliables». La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2019/01/27/grafiti-irreverente-mural-decorativo-mundos-irreconciliablesorigen-estudios-obra/0003_201901H27C12991.htm
GústameGústame
LÓPEZ FERNÁNDEZ
É certo que hai uns anos disciplinas artísticas como o graffiti, o breakdance ou outras manifestacións da cultura urbana non tiñan case presenza nas urbes galegas, mais creo que agora esta situación deu un xiro de 360º, xa que sería algo incongruente que de algo tan minúsculo se sacasen festivais, eventos e obradoiros, por exemplo, en practicamente todo o enclave galego.
De feito, nos últimos anos estas expresións artísticas xa están traspasando fronteiras e non quedan relegadas á rúa ou ás bocas do metro, xa que feiras como Urvanity Art, en Madrid, recollen cada ano traballos de autores que foron iniciados en muros na calle, e se nos imos xa ás raíces da cultura urbana, fóra de España, temos barrios como o de Bushwick, en Nova York, que se están convertendo en auténticos reclamos turísticos polas súas paredes repletas de graffitis e murais de artistas urbanos. Ademais, este barrio está abrindo unha morea de galerías de arte urbana en edificios aparentemente baleiros e os propios artistas do barrio, xunto coa Bushwick Collective, están promovendo accións que invitan a profesionais do círculo a converter unha zona concreta do barrio no seu lenzo, polo que cada ano cambian os debuxos dos muros e sempre te atopas con novos deseños. Con isto quero facer fincapé neste novo camiño que está tomando a chamada “street art”, cada vez máis valorada, pois segundo reflicte o Informe Anual do Mercado da Arte Contemporánea 2017 o gusto do mercado da arte pola arte urbana non deixa de medrar e está a convertela nun dos sectores máis dinámicos polo ascenso da demanda de coleccionistas. Como dato que me chamou a atención, dicir que dos 10 artistas contemporáneos que máis venderon en subastas no 2017, catro proceden da arte urbana, e en España, este crecemento vese na organización de festivais como o xa mencionado Urvanity Art e de festivais, polo que a concepción de que constitúe unha práctica non moi xeneralizada considéroa algo errónea.
Por outra banda, facer referencia ao exemplo dos skates en Madrid que ti achegas, xa que, reitero, non deixa de ser un de tantos casos de contradicións normativas que se dan na cultura urbana, tal e como comentaban os artistas do noso círculo e nós incluímos neste post. Non sei cal pode ser a solución para erradicar este conflito, pero ao fin e ao cabo estamos ante unha actividade como o skate, que en 2020 pasa a ser deporte olímpico a pesar de que en España aínda non conta cunha federación propia nin cun recoñecemento formal, e que debería ter unha convivencia na sociedade moito máis sinxela e colectiva.
Ligazóns:
(s.f.). (2017). Bushwick y el mejor arte urbano de Nueva York. Anuevayork.com. Recuperado de: https://www.anuevayork.com/visitar-bushwick-brooklyn-graffitis/
Díaz, F. (13 de agosto de 2018). Arte urbano, de la calle a la galería. El Cultural. Recuperado de: https://www.elcultural.com/noticias/arte/Arte-urbano-de-la-calle-a-la-galeria/12405
González, C. (27 de maio de 2018). El “skateboard” se hace grande. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2018/05/27/skateboard-grande/1899383.html
Santos, A. (25 de febreiro de 2018). El graffiti gana fuerza en el paisaje artístico urbano. ABC. Recuperado de: https://www.abc.es/espana/madrid/abci-grafiti-irrumpe-fuerza-paisaje-artistico-urbano-201802250129_noticia.html
GústameGústame